María Cruz Ferreira: «Galicia é única á hora de desenvolver estratexias de economía circular»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

Ecovoz | A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático confía no esforzo colectivo para desterrar o arcaico sistema de «usar e tirar»

15 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos compases do 2019, o Goberno autonómico deu luz verde á Estratexia galega de Economía Circular. «Temos que falar facendo, e por iso temos unha folla de ruta para facer unha Galicia máis verde», salientou na presentación do plan o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. A punto de cumprirse medio ano desa data, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, sinala que «xa pasamos da teoría, de explicar que o que é, á acción», segundo dixo.

-É unha folla de ruta a longo prazo.

-Trátase de facer unha transición que non leve a ninguén por diante, de formar novos empregos, máis verdes, de fomentar iniciativas de formación e divulgación, de concienciar aos cidadáns... Tamén temos a estratexia de clima e enerxía que está fixada ata 2050 e tamén está a Axenda 2030 que agrupa os obxectivos de desenvolvemento sustentable de Nación Unidas e que tamén vai acompañado dun plan particular. No caso da economía circular, é unha ferramenta na que traballamos coordinadamente coas universidades, cas tres galegas, para, entre todos, marcar esa folla de ruta e impulsar un cambio de modelo económico produtivo que esqueza o lineal de usar e tirar para optar por outro que sexa máis eficiente, máis racional e baseado na recuperación de materiais. Pero non queremos aparellalo só á economía circular como tal senón tamén á innovación, porque sen iso non o poderemos conseguir nada. Como dicimos, titulares hai moitos, pero fan falta accións concretas.

-En que piares se apoian?

-Falamos do concepto Multi-R: repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir o consumo dun só uso, reciclar e recuperar. Queremos superar o modelo que había ata o de agora de usar e tirar. Iso está caduco. Tamén aparece o ciclo integral da auga, entendemos que é importantísimo, ou estimular a actividade innovadora e os proxectos de simbiose industrial entre diferentes polígonos, posto que hai que traballar en equipo. É un plan que abrangue todos os ámbitos, tamén o da educación. Os criterios de sensibilización foron moi participativos e agora mesmo está a dar os pasos necesarios para que a industria galega acade o máximo de circularidade. Isto é o que esixen as necesidades actuais e temos a responsabilidade de fomentalas. Galicia está á altura das circunstancias sendo á única comunidade autónoma que ten desenvolvido todas estas estratexias e proxectos de lei. Desde ese punto de vista estamos moi esperanzados para que a Galicia verde que todos queremos sexa todo un éxito.

-Ata o momento, que pasos se deron?

-Moitísimos. Entre outros, por exemplo, fomentar a adhesión para que os municipios se sumen ao Pacto das Alcaldías que consiste en marcar un plan enerxético e climático en cada un deles. E a economía circular entra niso. Estamos intentando motivar a todos os concellos, xa levamos 202 a día de hoxe. Temos axudas: en concreto, agora mesmo hai un millón de euros presupostado para facer estes plans de enerxía e clima. E tamén hai catro millóns de euros de axudas directas para a xestión de residuos. Isto está marcado por Europa porque é un dos piares fundamentais que hai que cumprir e pon moito énfase nisto. Queremos axudar ás localidades galegas nisto, aínda que sexa unha obriga. A transición ten ser xusta, porque senón sería unha imposición.

«Hai que introducir as cuestións medio ambientais en todas as decisións»

A difusión dos programas e a sensibilización da sociedade ocupa e preocupa á administración autonómica. Así o indica Ferreira ao apuntar que «unha das primeiras erres é a de repensar, a de analizar que cousas precisamos e cales non».

-Coa estratexia xa lanzada, a pelota agora tamén está, dalgún modo, no tellado de cada cidadán.

-Cando se fala de economía circular moita xente refírese a eliminar residuos, pero tamén hai que pensar en manter os produtos ou materiais na cadea de uso máis tempo ou rexenerar os sistemas naturais. Que podemos facer nós mesmos? Pois, entre outras cosas, repensar e introducir cuestións como as do cambio climático ou o da economía circular en todas as decisións que tomamos a diario. Dalgunha maneira contribúe tamén á saúde, á xeral do noso ecosistema, pero tamén á nosa. E non só se falamos de como afecta ao peto porque moitos só entenden este asunto en termos económicos. Diso depende o bo funcionamento do sistema, tanto o doméstico como de organización e global. Se queremos que ese cambio sexa xeral, temos que mudar todos, ter unha actitude diferente. E esa transición pode facerse a pequena escala. A longo prazo, esas novas oportunidades económicas xeradas van producir ineludibles beneficios ambientais e sociais.