«Como Manuel Lema Otero dicía, pintores naíf somos todos»

P. b. m. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A escritora Natalia Lema participou na segunda ruta de «Primavera en Dombate»

15 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Se na primeira volta foi o museólogo Felipe Senén, da segunda foi a escritora Natalia Lema Otero, colaboradora ademais deste xornal. O ciclo de rutas Primavera en Dombate tivo este sábado unha nova saída. O castro A Cibdá, o monte Gontón e a pintura naíf de Manuel Lema Otero era o título da xornada, coordinada, coma nos outros casos, pola Cooperativa de Educación Ambiental (CEM), e dirixida a mozos que se forman para ser monitores de tempo libre.

Natalia dá conta dalgunhas ideas do vivido hoxe mesmo, no seu artigo semanal (ver páxina 8), mais tamén reserva outras que merecen ser contadas. Ela acompañou aos participantes dende San Xoán de Borneiro ata Dombate. «Falamos principalmente de como viviu Lema Otero [era seu avó] a concesión do premio cando xa se encontraba nunha idade provecta. As súas aspiracións cando traballaba na Central de Cofrentes e como lle gustaba compartir con todos os seus coñecementos. A explicación xirou en torno á súa obra máis recoñecida, a Batalla do Ebro, onde expón a barbarie bélica vivida no seu día, que moitos comparan co Guernica de Picasso. Falamos da súa actitude supersticiosa, de como tiña un medo terrible á morte ou de como os seus cadros definen ese escepticismo e receo ao día do Xuízo Final», detalla.

«Outra das netas maiores contou como era cos nenos de Borneiro, como os convidaba a pintar con el cando chegaban do colexio. A explicación rematou coa lectura dun extracto dunha conferencia que deu no Colexio das Revoltas, hai decenios, onde convidaba aos nenos a pintar e ter inquedanzas porque, como el dicía, pintores naíf somos todos», engade a escritora, firme defensora do rural.