Pepo Suevos: «Todo o que se faga para coidar o noso entorno é pouco»

M. Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Ecovoz | O humorista, que pasou o covid-19, mantívose moi activo durante a corentena

15 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O coronavirus tamén chegou a el, ao humorista Pepo Suevos. Xa recuperado, e despois de relatar a través das súas redes sociais como levou a corentena, o ferrolán falou no programa Ecovoz, de Radio Voz, sobre medio ambiente e reciclaxe. «Estou moi ben, bárbaro, como se soe dicir xa para outra. Tiven sorte porque fun bastante asintomático, pero din positivo e houbo que someterse aos protocolos necesarios», resume.

-E dese peche obrigado xurdiu o seu diario de corentena particular.

-Iso foi un pouco improvisado, precisamente pola incerteza que tiñan algúns coñecidos ao saber que tiña o virus. Ao descoñecerse como podía acabar iso había algún que xa me tiña medio sentenciado. Intentei demostrar que estaba todo correcto e que o meu humor tamén estaba perfecto. Foi para ter ao día á xente e para demostrar que ter o virus non significaba estar nas últimas. O humor é unha terapia bárbara para calquera cousa.

-Que máis fixo?

-Estiven facendo directos a través das redes sociais. Eu teño un convenio cun concesionario de coches de Milladoiro. Levamos máis dun ano con accións conxuntas e, con isto do confinamento, estancouse todo. Tiña unha conta de Instagram na que colgaba as cousas que facía con eles e apareceu a posibilidade de facer un pouco máis de ruído para chegar á xente ofrecendo un espazo de entretemento algúns días. Foron unha especie de entrevistas moi informais, de colegas, que tiveron a súa aceptación. Así que estiven con iso, co diario da corentena e con algunha cousas máis nas que participei con outros compañeiros. Houbo semanas de estar emitindo os sete días.

-Durante toda a tempada de «Ecovoz», falamos con numerosos personaxes coñecidos sobre medio ambiente e ecoloxía. A maioría asegurou que cumpre neste ámbito. Tamén vostede?

- Eu creo que me daría unha boa nota. Vou picando para enriba, sempre fun bo estudante. Non me quero quentar moito, pero a un oito si que chegaría. Hai cousas que podería facer e que non fago porque non me dou conta, pero a maioría si e, sobre todo, intento ser consecuente e estar aí pendente de cumprir co que se debe facer.

-Sempre se está a tempo de aprender e tamén de seguir incorporando hábitos.

-Claro. Todos temos que seguir mellorando, os que xa o facemos e os que non. Temos o reflexo de todo este tempo no que estivemos parados e sen contaminar. Parece que nos cambiou o mundo, respírase mellor, escóitanse máis paxaros que nunca, creo que a actividade humano é bastante perniciosa para o medio ambiente. Todo o que se poida facer neste ámbito é pouco e se non somos conscientes diso pois acabaremos rebentando con todo. No noso caso, na casa temos todo organizado para reciclar, tanto o cartón como o resto nun contedor con tres cubas para seleccionar.