Turismo de autor en Borneiro: comezou Primavera en Dombate

La Voz X. A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Felipe Senén foi o encargado de guiar aos mozos participantes na iniciativa

08 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Felipe Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo, escritor e erudito, foi quen inaugurou o sábado o ciclo Primavera en Dombate, unha experiencia coordinada pola Cooperativa de Educación Ambiental (CEM) e dirixida a alumnos dun curso de monitor de tempo libre. Foi, segundo o guía, Felipe Senén, unha posta en práctica do «turismo de autor» nun espazo moi rico en pegadas arqueolóxicas, antropolóxicas, históricas, paisaxísticas e etnográficas. Un lugar no que a interacción do ser humano co medio produciuse nun contexto único, como é o de Borneiro.

Nesta parroquia, conta Senén López, percíbese unha secuencia rica que arranca nos restos arqueolóxicos do Neolítico, a Idade dos Metais, a cultura castrexa, o medievo, a economía agraria, os vellos camiños, a arquitectura do pan, o reparto dos terreos, a conservación de sebes e moitos outros elementos que o fan especial. A interacción do paisano na paisaxe dá lugar a unha cultura marcada por grande cantidade de aspectos materiais e inmateriais. E mais de todo iso, Borneiro arrastrou cara si a personaxes como Eduardo Pondal, Isidro Parga, Sebastián González García Paz, Xaquín Lorenzo e outros que logo investigaron o castro e o dolmen. «Son un precursores do turismo de autor», comentou Felipe Senén sobre a experiencia. «Foi moi participativa, moi apropiada e moi atinada». Marchou moi satisfeito.