Covid-19: balbinos ou manolitos

Jesús Méndez Torrado

CARBALLO

04 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Avida, o tempo, dicían os nosos vedraños, vai poñendo a cadaquén no seu lugar. Que meirande e certeira frase, canta verdade nesas catro verbas! Así, e con esas sabias palabras, coido se non será o intre de preguntarmos e facer unha autorreflexión, cavilando no contido da devandita frase.

Non estará tamén a vida, ese sol, a lúa e o ar que respiramos, poñéndonos a toda humanidade, e dicindo, «ata aquí chegamos»? E utopicamente engadindo: «A vós hai que poñervos no lugar que merecedes». Creo que chegou a hora de escoitar as queixas dese sol que nos alumea; do ar que respiramos; do vento e da chuvia; da terra e do mar; da flora e a fauna e un longo etcétera que conforman a vida na Terra.

Ante isto, coido que non respectamos esa vida pola que nada nos cobran. Toda ela de balde. E velaquí que quizais sexa certeiro aquel outro refrán ou proverbio: «Ninguén dá nada a cambio de nada». Pois, iso, que neste caso efectivamente nada pagamos por esa fonte chamada vida. E quizais por iso non a valoramos, por ser de balde. Nada nos custa ese sol de cada día, ou o brillar da lúa na escura noite. Gratis o ar que respiramos e o mesmo a flora e a fauna. Nin tan sequera agradecemos con estoutro refrán: «A cabalo regalado, non se lle mira o dente».

Porque a outra auga, a que nos entra pola billa; a luz eléctrica; o ar ambentado e todo canto nos conforman este modo de vida, hai que pagalo. E o ceo, o ar, o mar ou o firmamento dixeron basta. Non lles correspondemos, senón todo o contrario, peor non os podemos tratar.

Vertendo ao ceo

«O mar, todo o devolve», escoiteillo a un veterano mariñeiro. «Nada quere alleo e sempre o devolve todo, así pasen mil anos», dicía. Cando non había catro coches nas estradas, os buses de liña, Carballo-A Coruña e logo na cidade, eran eléctricos. Agora con miles de coches, eses buses tamén a combustión. Refinerías; celulosas e un longo etcétera todas vertendo fume ao ceo. Milleiros de avións, deixando a súa pegada cada día. Experimentos nucleares, a saber. E paremos de contar.

Cando contabamos cunha leda primavera, estamos a vivir un quizais primeiro aviso. Malia que quen avisa unha vez, á segunda non perdoa. E como vemos, aquí non hai clases sociais. Ante isto pregúntome: Imaxinaría o benquerido amigo Xosé Neira Vilas, se hoxe vivise, que, ante o acontecer deste coronavirus, tanto ten ser Manolito, o fillo do rico, coma Balbino, o fillo de pobre, os dous rapaces das súas: Memorias dun neno labrego?