O merecido valor da obra escultórica do santuario do Briño

Xosé María Lema Suárez

CARBALLO

LEMA

Coa publicación da monografía de Neira Pérez, é tempo de dar á escultura do templo o valor que merece

02 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai días o Concello de Cabana publicaba de maneira virtual (dado o estado de alarma) a monografia O santuario do Briño. Paraíso de arte e natureza en Cabana de Bergantiños, do profesor Juan Félix Neira Pérez, un dos investigadores das nosas comarcas «fisterrás» de máis alto creto. Divide a obra en dez grandes apartados, nos que analiza a relixiosidade popular ou as escuras orixes e os datos históricos do santuario; o seu patrimonio artístico; a economía das confrarías ou o patrimonio inmaterial.

Céntrome no que me atinxe máis directamente deste coñecido santuario de Borneiro, o apartado 6, o artístico, interesado polas novidades que se produciran desde o estudo que realicei para a miña tese de doutoramento (1991). Neira segue en boa parte o que eu publicara no tomo III do libro A arte relixiosa na Terra de Soneira (1993), citando a fonte en todo momento, e ben que se agradece, pois aínda segue habendo costumes espurios. Coincido con el en valorar non só a arquitectura interior e exterior da ermida (con lembranzas góticas tardías), senón tamén a súa escultura en pedra, particularmente as seis esculturas pétreas da fachada-retablo -unha das tres do arciprestado de Soneira (as outras, as das igrexas do Allo e Traba)- e os relevos dos catro evanxelistas nas pendentes da cúpula da capela maior (únicos en toda a comarca). Cando a finais dos anos oitenta do pasado século quen subscribe visitara esta ermida e fotografara as imaxes para o seu estudo, confeso que en xeral me pareceran rudas, de talla moi esencial, propia da gubia dun canteiro rural pouco habelencioso na arte escultórica, coa dificultade engadida da dureza do noso granito. Parecía fuxirse de complicacións técnicas, pois prevalecían as liñas esquemáticas sen virtuosismos, sobre todo nas da portada (que, ademais, ó estaren recubertas de liques parecían máis ampulosas e opacas), razóns polas que, ante a ausencia nos libros parroquiais de datos documentais, aventurei para elas unha datación que agora considero esaxeradamente antiga, arredor do séc. XVI; iso si, con moitas interrogantes, como ben sinala Neira.

Pero, afortunadamente, houbo novidades, e ese dato documental que eu botara en falta apareceu da maneira tímida a raíz das reformas dos anos noventa nunha inscrición do lateral sur do arco triunfal do presbiterio: «El Maestro dest[a] obra es Domingos Martines vº [vecino] de Tines», como recolle Neira na súa monografía. Deste mestre canteiro (veciño da parte de Tines do lugar de Pazos) sabiamos que fixera «el cuerpo de la capilla» entre 1721 e 1733. A dúbida agora está en determinar se foi el tamén o autor das seis esculturas da fachada ou non, pois iso non se especifica na inscrición, que si nos deixa claro que obrou na nave («el cuerpo») e non na capela maior (co cal se exclúen da súa autoría os relevos dos evanxelistas desta parte).

Movemento

Das esculturas da fachada, unha vez que se lles limparon as capas de liques que as recubrían e que anos despois puidemos facer fotos de máis nitidez, teño unha visión moi distinta da de hai trinta anos, pois agora xa non me parecen tan ampulosas e herméticas: os seus rostros ovados amosan unha expresión serena e nas súas vestiduras, aínda que non con moita profundidade, prodúcense xogos de luces e sombras que dan impresión de movemento; as figuras parecen romper co espazo circundante...

Todo isto vainos aproximando ás características do barroco de finais do séc. XVII ou de principios do XVIII. Desbotando o meu xuízo anterior, é moi probable que lle poidamos atribuír a este canteiro de Tines, ademais da construción da fachada da ermida, a feitura das seis imaxes. A principal delas, a da patroa, a Virxe das Virtudes do nicho central, malia as dificultades técnicas da talla no granito, é unha figura cun aceptable grao de beleza: o seu rostro perfectamente ovado; certa elegancia no vestir cunha túnica e un manto de movidas pregas onduladas que deixan transparentar timidamente a anatomía; e, sobre todo, a dificultade técnica que supón a talla en pedra da pequena figura do neno Xesús que a Virxe sostén coas dúas mans á altura do colo. Non foi un canteiro calquera o autor de imaxes coma esta, desde logo (tampouco as outras desmerecen o labor). Haberá que pensar nun artista experimentado, e este por aquela época non pode ser outro que o tal Domingos, que xa probara a súa mestría na monumental fachada-retablo de Traba anos atrás (1716), con conxuntos escultóricos de extrema dificultade técnica coma a do Santiago ecuestre.

Canteiro soneirán

Parabéns a Neira por esta oportuna monografía e un agradecemento por forzarme a poñer ó día investigacións que medio quedaran no esquecemento. Cómpre unirmos forzas para seguir indagando na figura deste canteiro soneirán, do que Juan Félix ten datado para a súa tese en curso un retablo pétreo en Brantuas. Ben que me alegraría a confirmación da súa autoría na imaxinería pétrea no Briño, co que se revalorizaría aínda máis a ermida borneirán. No que a min me toca teño localizadas posibles obras del en Tines, Vilar e Brandoñas (os dous retablos laterais, tamén de pedra).