Un frutífero período de recollemento

concha blanco

CARBALLO

En primeira persoa, por Concha Blanco | «Outra cousa que descubrín foi que levo a etiqueta de docente tatuada na alma, pois nestes tempos de tantos cambios no ensino non deixo de ler nin de escoitar...»

31 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os eufemismos están para algo e a min antóllaseme que a palabra confinamento ten esa condición. Sóame máis suave que o seu sinónimo reclusión, por esa detestable connotación de falta de liberdade. Ás veces unha necesita disfrazar a realidade para sentirse mellor.

Con todo, o meu confinamento non está a ser o máis clásico, xa que á meirande parte das familias pillounas separadas, nuns casos afastados os seus membros por grandes distancias, ata en países ou continentes diferentes e, no que a min respecta, xuntounos. Si. Pasamos de sermos habitualmente dous na casa a convivirmos agora seis persoas. De non darse a circunstancia de que Ana, a filla pequena, quedou en Madrid (porque tres días antes de vir se decretou o estado de alarma), semellaría a xuntanza das Festas da Xunqueira, nas que o encontro na casa-raíz é obrigatorio.

Pero a situación pouco ten que ver co carácter festivo da patroa da vila de Cee, no mes de agosto. A pandemia do covid-19 xa se movía ás súas anchas e parala resulta tan difícil coma poñerlle cancelas ao mar.

O meu día a día ten momentos que continúan a ser coma antes. Por exemplo, sigo erguéndome tarde cada mañá e deitándome tarde tamén. Isto non cambiou. Fago as cousas da casa coa axuda dos demais e vou de compras dúas ou tres veces por semana. Agora, nesta fase na que estamos, podo rematar cada xornada cun paseo nocturno, se non chove.

A verdade é que, máis que traballo creativo na escrita, o que estou facendo é organizar, supervisar, retocar… coma quen di, maquillar textos que xa teño feitos para ver de, unha vez que pase todo isto (que pasará!), buscarlles camiños polos que poidan circular.

Todos din que nunca tiveron a casa, os armarios… tan ordenados debido a tanto tempo do que dispoñen. Eu confeso, e confésoo encantada, que nunca a tiven tan desordenada, pois sendo catro adultos e dúas netas de sete e de dous anos, a nosa vivenda é unha casa chea e como di una amiga miña «una casa chea de vida». O sétimo aniversario da nena maior celebrámolo xuntos con toda a alegría que puidemos darlle. Xa sabemos que os medios dixitais evitan que o illamento sexa menos drástico e máis liviás as carencias.

Así que outra das miñas ocupacións é xogar con elas, as netas, e contarlles historias coas que consigo engaiolalas. Está sendo una convivencia intensa por estarmos permanentemente acubillados baixo o mesmo teito. Pásanme os días á velocidade da vertixe.

Entre tantas consecuencias negativas do covid-19, algunhas irreparables coma o de ser a responsable de tantos falecementos, de tristes despedidas con grandes ausencias, de desastrosa economía, de… tanta ruína!, algo bo consegue que agrome en cada quen como individuo e como membro dunha sociedade. No meu caso, amais de ler, escoitar debates e outras actividades das que xa falei, sentín a necesidade de contactar con amizades de sempre, non esquecidas, pero si estacionadas polo ritmo de vida diaria de ambas partes. É moi agradable cando ao outro lado do auricular escoitas as voces daquelas persoas coas que, nalgún momento significativo da túa vida, compartiches vivencias variadas con elas e parece que ese tempo transcorrido foi unha simple paréntese na que nada se borrou.

Vivir nunha casa con terreo e no rural, facilita este confinamento, pero son consciente de que ao poñer un pé na rúa son unha cidadá tan vulnerable e responsable como a que máis, que debe cumprir as normas necesarias para axudar a coutar esta pandemia.

Como anécdota, anunciar que neste período de recollemento me naceu un fillo de papel (un libro) que aínda non puiden ver fisicamente, tan só a través da pantalla do ordenador. O seu nome (título) é Oficios e profesións, poemas son. A primeiros de xuño a Editorial Embora colocará os exemplares nas librarías. A temática, presentada en poemas, non deixa de ser unha homenaxe a certos oficios e profesións que nestes tempos teñen unha difícil supervivencia.

Docente

Outra cousa que descubrín foi que levo a etiqueta de docente tatuada na alma, pois neste tempo de tantos cambios no ensino non deixo de ler nin de escoitar todo o que se comenta relacionado co mesmo, coma se estivese en activo, vaia! E así estou pasando este Mes das Letras Galegas, o máis atípico, o máis insólito da historia da súa celebración desde o 1963, que ademais se aveciñaba intenso en actividades culturais xirando ao seu redor.

E aquí sigo coa miña actitude ante o que nos está tocando vivir, non simplemente de resignación, máis ben de esperanza en que todo irá moi axiña a mellor.