A pandemia e o meu soño australiano

EN PRIMEIRA PERSOA | «Naqueles primeiros días de pandemia choramos, agobiámonos e a cabeza íanos a mil por hora», escribe a baiesa María Fernández Riveiro


Sempre me gustou viaxar. Comecei a facelo hai dez anos, pero a pequena escala: viaxes de entre unha e tres semanas. Como pasa con todo vicio, chega un momento que todo sabe a pouco e queres máis.

Así que comecei a pensar un pouco ao grande e prantexarme a idea de irme realmente lonxe. Sempre que me preguntaban que lugar elixiría se tivese a oportunidade, a miña resposta sempre era a mesma: Australia. E vaia se pensei ao grande, que me fun á illa máis grande e afastada do mundo! A miña vida era perfecta. Por sorte, nunca me faltou nada. Non sei se é unha virtude ou un defecto, pero o inconformismo sempre foi da man comigo. Necesitaba algo máis, moverme, coñecer mundo, coñecer xente e, en certo modo, cumprir o meu soño. O soño australiano, que tantas veces escoitara. Pero como todo soño, nalgún momento pódese torcer e ser surrealista, no bo e no malo.

En novembro cheguei a Sydney. Non vou a enganar a ninguén, as primeiras semanas estaba máis perdida ca un polbo nun garaxe. Coñecer xente a cada minuto, falar noutro idioma, buscar traballo... Era unha sobrecarga de información constante. Non todo era tan bonito como o pintaban, pero sempre souben como sacar as castañas do forno e comecei a gozar de verdade.

Falar en inglés xa non era un inconvinte, buscar traballo converteuse nun hábito e coñecer xente pasou de ser aburrido a ser especial, porque deses encontros non naceron amigos, senón familia. As conexións que fas viaxando van máis alá da amizade. Todos estamos sós na outra punta do mundo, así que as persoas que elixes son aquelas que de verdade aportan, axudan e con quen compartes todo, ata o papel hixiénico se fai falla. Todo se vive máis intensamente, pero sabendo que nalgún momento rematará e que toda esa xente que coñeciches tamén a deixarás atrás. Todos temos diferentes obxectivos e, incluso querendo facer o mesmo, a vida pode dar un xiro de 180 grados. Sempre tiven unha norma, pero viaxando en Australia afianceina aínda máis: nunca, pero nunca fagas plans.

Outra vez un lugar novo, pero eu non era novata.

Unha vez máis o meu inconformismo fixo das súas e, despois de 3 meses, decidiu que era suficiente o primeiro destino. Xa fixera o tick en vivir nunha gran cidade, quería unha experiencia nova. E entón chegou un dos momentos máis duros, dicir adeus á miña familia de Sydney. Sabía que pasaría e isto é como ser mariñeiro, pero en vez de deixar un amor en cada porto, déixase unha familia en cada cidade.

Outra vez un lugar novo, pero eu non era novata. Sabía como moverme e estaba xa habituada á vida backpacker. A vida de moverte con todas as túas pertenzas nunha mochila duns 70 litros (no meu caso un pouco máis, cargada de cousas innecesarias) e vivir con máis de 100 persoas nun hostel, cos seus consecuentes problemas de convivencia, roubos, limpeza e demais. Porén, naquel momento sentín que estaba onde quería estar: Byron Bay. Un pequeno pobo costeiro que o tiña todo. Un lugar máxico, onde cada un decide como ser sen ser xulgado, onde andar descalza non importa e escóitase música en cada recuncho.

Pero, sen esperalo, unha pandemia apareceu no mundo e volvémonos tolos por un momento. O que era o soño australiano transformouse en algo que ninguén pensaba. Vímonos atrapados nun país que non era o noso, lonxe de familia e amigos e sen saber cando poderiamos movernos ou se poderiamos volver á casa. Voos cancelados, fronteiras nacionais pechadas, prezos de billetes desorbitados e sen traballo nun país onde vivir non era barato. Naqueles días choramos, agobiámonos e a cabeza íamos a mil por hora. Pero aqueles que decidimos quedar é porque vimos un pouco de esperanza naquela situación.

Estabamos no mellor lugar que poderiamos elixir para pasar esta pandemia

Estabamos no mellor lugar que poderiamos elixir para pasar esta pandemia. Houbo días malos, está claro. Días nos que a morriña apertaba forte e a convivencia con tanta xente facíase moi dura. Non sabíamos se a nosa «casa» pecharía nalgún momento, como moitos outros lugares de hostalería. Cada vez había máis normas e restricións e a actitude dos australianos cara aos estranxeiros non era precisamente boa, o coñecido racismo backpacker, pois culpábannos a nós da chegada do virus ao país.

Sen embargo, soubemos levalo moi ben e pensándoo ben, a situación de Australia era moitísimo mellor que en calquera outra parte do mundo. Viviamos ao aire libre e non estabamos sós. Convertémonos nunha gran familia, unha comunidade. Vin como nos volvemos máis humanos en momentos como estes e como estas conexións das que falaba antes, fanse incluso máis fortes. Estes meses aprendemos uns dos outros, axudámonos, apoiámonos e sentímonos como en casa cando casa, estaba máis lonxe que nunca.

Hoxe, despois de dous meses de que todo comezara xa está todo máis normalizado e empézanse a abrir portas outra vez. Son consciente de que tivemos moita sorte de estar no lugar no que estamos. Non sei aínda cal será o meu seguinte destino, pero o inconformismo está chamando outra vez á porta. Porque lonxe do que parecía ao comezo, isto non foi un pesadelo. Foi unha experiencia e unha ensinanza para seguir o soño australiano e repetirnos unha vez máis que nunca, pero nunca, fagas plans.

DNI. Natural de Baio (1994), María Fernández Riveiro graduouse en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e a Sapienza Universidade de Roma. A súa paixón por viaxar remóntase a cando tiña apenas 16 anos, cando comezou a visitar diferentes lugares a través de estancias e intercambios lingüísticos no estranxeiro. Tras finalizar os estudos comezou a traballar nunha tenda de surf e skate na Coruña.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A pandemia e o meu soño australiano