Un impulso á vida

Vicente de Lema CORONAVIRUS

CARBALLO

20 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Todo ten solución menos a morte», adoita dicir moita xente. Pois, ben, co covid-19 a ameaza da pena máxima anda ceiba por rúas, camiños e prazas. Semella que as cousas boas que faciamos os humanos nos están vedadas. Os agarimos, as apertas, os bicos e demais xestos de amor e aprecio fixéronse prohibidos por mor desta peste silenciosa. Ir a un concerto, asistir a unha representación teatral, facer un acto comunitario de calquera clase... Incluso os actos solidarios quedaron vetados. Uns por lóxica, para evitar contaxios, e outros por falta de entendemento por parte de quen ordena. Que mal habería nun paseo solitario polo monte ou pola beira dun río? Agora xa foi. Que ninguén nos vexamos noutra. Nin os máis vellos recordan algo semellante, e terá que pasar un tempo para que nos decatemos da dimensión do vivido e sufrido. Esas persoas que se foron sen despedida. As familias que levaron un enfermo ao hospital e ás lle devolveron unha caixa. E no medio de todo unha profunda dor, que continúa acesa no interior e que só a auga do tempo longo poderá apagar, se o consegue. A vida continúa e o perigo segue aí, marcando a realidade do día a día. As sensacións nas rúas son as mesmas que se viven nun campo de concentración. A ledicia está nas ramas das árbores co chío dos paxaros. Todo son cautelas. Cada un vai na súa burbulla. Semella un contrasentido, pero a solidariedade está en separarse dos semellantes. Este é o virus da inhumanidade. A xente vólvese máis cauta cando ve a morte de rolda. Aínda así, hai que buscar un pretexto para saír desta e romper a bóla de neve que nos envolve. A luz da primavera ten que nos traer azos para darlle un impulso á vida.