O Festiletras virtual comezou con campás, himno e ofrenda

O berce de Pondal mantivo a tradición do acto simbólico


carballo / La Voz

As campás do Couto (Ponteceso) soaron a festa. Houbo repique. Foi o propio párroco, José Manuel Varela, quen subiu ao campanario para tocar a gloria polo Festiletras. Logo houbo unha misa, que o propio crego comezou cantando: «Aquí hai unha xuntanza de amor». Continuou co oficio en galego, que rematou co himno galego, por parte dos gaiteiros de Inllar, e unha ofrenda floral diante do monólito dedicado a Eduardo Pondal.

Eran poucos os asistentes por mor das normas sanitarias. Ademais do párroco estiveron presentes membros do padroado da Fundación Pondal, co xerente, Xosé María Varela, e representantes de Monte Branco, así como voluntarios de Protección Civil. O día foi espléndido no val nativo do bardo pontecesán. Se ben non estivo no Couto, o actor Lucho Penabade foi o encargado de pronunciar o pregón deste ano do Festiletras. E fíxoo de xeito virtual, por medio dun vídeo, no que apareceu representando a Ricardo Carvalho o nunha suposta representación de Os vellos non deben de namorarse. Trinta anos esperando por un Día das Letras Galegas para Calero e vai «e tampouco pode ser», pero a falta dun ano haberá dous para o gran estudoso da literatura galega, veu a dicir.

Corenta persoeiros da cultura deron o seu apoio á celebración

A celebración do Festiletras continuou durante toda a xornada con mensaxes de persoeiros do mundo da música, a literatura e a cultura galega en xeral. Foron corenta intérpretes, actores, escritores, humoristas ou artesáns os que amosaron dun xeito ou doutro o seu apoio á tradicional celebración das Letras Galegas en O Couto.

Un deles foi Anxo Angueira, poeta, escritor e máximo responsable da Fundación Rosalía de Castro, quen lamentou que este ano non puidese subir coa súa dorna polo Anllóns para homenaxear a Eduardo Pondal como leva feito nos últimos tempos para recordar os versos da «lancha bolinando» da autoría do bardo. Rematou recitando «Feros corvos».

A artesá Elena Ferro contou que leva indo ao Couto coa súa artesanía desde o 96, cando aínda era unha rapaza: «Quero agradecer o traballo ben feito que facedes». Dedicoulle unha montaxe de zoquiños ao Festiletras.

Cada media hora ou cada tres cuartos de hora foron sucedéndose as mensaxes, como a de Marcos Pereiro, que se chanceou con que por 1.000 anos de Festiletras non pasa nada con que non se celebren unha edición. Acabou dicíndolle á xente do Couto: «Sodes o máis grande deste país». Irma Macías, a vocalista de Luar na Lubre, dedicoulle unhas coplas aos «festiletreiros e festiletreiras»: «Vivan as Letras Galegas anque sexan confinadas».

Trinke Trinke dedicoulle a Muiñeira Buxos Verdes. Cé Orquestra Pantasma aconsellou «botar a lingua ben para arriba». Bieito Romero, de Luar na Lubre, introduciu tamén a súa mensaxe cunha peza, ao igual que Rodrígo Romaní, que elixiu unha alborada á arpa. Uxía cantoulle ao Festiletras de «cada maio, a mellor festa do planeta» e desexou moito ánimo: «Avante toda. Botámosvos moito de menos». Antía Ameixeiras, que entrou dúas veces, entoou: «Ai de min, o que me perdín». Xabier Díaz, coa súa voz e a pandeireta, sumouse á homenaxe virtual. Como tamén o fixo o debuxante Siro López, que loou o traballo da Fundación Pondal.

Miguel de Lira, dende a súa horta das crebas, manifestou: «Viva a alma galega, que está aí no Couto». E así moitos outros, Isabel Blanco, Pablo Díaz, Guadi Galego, Mero, Mini Rivas, Xosé Antonio Touriñán, Carmen Isabel... O escritor Manuel Rivas chegou a tempo co seu saúdo. Quico Cadaval, quixo xuntar o Sar, río de inspiración rosaliana, co Anllóns, como símbolos de creación poética nun idioma que chegou a outro leito fluvial, o Grande do Sur, en Brasil, onde se entende a nosa lingua.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O Festiletras virtual comezou con campás, himno e ofrenda