Historia e lenda no cómic «A filla do lobo: o foxo dos lobos da Costa da Morte»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A obra vén de ser editada dixitalmente, segundo dan conta os seus creadores. A idea é publicala tamén en papel

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cousa de dous anos, conta o dinamizador cultural camariñán Bernardino Martínez (entidade Dequenquén), comezaron a intentar recuperar «de forma antropolóxica» o Foxo dos Lobos da Costa da Morte, situado en Reira (Camariñas) e «ligado a unha forma de actuar esquecida». Xa ten habido outras iniciativas, mais explica que, dende hai tempo, dábanlle voltas á idea de buscar algún medio que fixese chegar esta historia a máis xente.

Así abrollou o cómic A filla do lobo: o foxo dos lobos da Costa da Morte, que vén de ser editado dixitalmente e xa se pode ler de balde na web de Dequenquén. Segundo dá conta Martínez, fixeron coincidir o lanzamento coas Letras Galegas. A idea é editalo tamén en papel e está camiño a ser editado ademais en francés da man dos amigos de La Turballe, coa que Camariñas está irmandada. Bernardino é o autor do guión da obra, mais el atribúe o groso do traballo á ilustradora e responsable da maquetación e deseño de cuberta, que responde ao alcume de Neva Noctiluca, veciña da vila do encaixe.

Explicaba ela onte que tomou como base as paisaxes da zona, para que a obra resultase o máis real posible en canto ás localizacións. Tocou, tamén, reimaxinar algúns interiores, como o do Mosteiro de Santa Mariña de Tosto. Foron meses de traballo que deron como froito este cómic que mestura lenda e historia, algo que, considera, o fai máis lúdico e apto para nenos e adultos. (...) Polos montes de Nemancos, unha rapaza loira viaxaba a cabalo dunha loba...» (...) «Tomando como base a coñecida lenda da peeira dos lobos, este relato gráfico somérxenos na Costa da Morte medieval; concretamente na práctica das batidas do lobo, que deixaron vestixios na actualidade, como o Foxo dos lobos de Reira. Arredor deste tema, mestúranse feitos históricos como a reconstrución e posterior asalto do mosteiro de Santa María de Tosto, e as incursións viquingas nas costas galegas», avanza a obra.