«O covid-19 evidenciou as diferenzas entre países no tratamento da educación»

ENTREVISTA | Estefanía Lema | O equipo internacional do que forma parte esta cormelá vén de ser premiado no Hackathon contra o coronavirus polo Proxecto JOP


carballo / la voz

Investigadora e docente da Universidade Internacional de Valencia, onde dirixe o Grao de Mestre en Educación Infantil, Estefanía Lema Moreira está a vivir unhas semanas moi intensas. Natural de Corme e nacida no 1983, vén de ser parte dun importante premio recibido no Hackathon Paneuropeo contra o coronavirus #EUvsVirusChallengue, un encontro de programadores, por contalo de xeito sinxelo, organizado pola Comisión Europea e o Consello de Innovación da Unión Europea. Así, no seo dun equipo internacional con investigadores procedentes de Malta, Alemaña, Países Baixos, Holanda ou Canadá, Lema Moreira sumou talento ao chamado Proxecto JOP, distinguido na categoría Vida familiar durante o traballo e estudo a distancia. JOP viría sendo un asistente de intelixencia artificial para axudar a pais, alumnos e docentes a facer fronte aos retos educativos plantexados polo covid-19. Mais, en realidade, vai máis alá desta pandemia, conta ela.

-Como foi a súa chegada a este equipo? Como xorde JOP?

-Realmente, eles [o equipo] xa tiñan a idea. Xurdira noutro Hackathon en Noruega, pero foi neste último [celebrado do 24 ao 26 de abril] cando me contactaron, porque eu me unira ao encontro, para incorporarme á parte investigadora e educativa do proxecto. Pulimos e adaptamos a idea, máis alá do coronavirus, aínda que xurdise para dar resposta a este confinamento. É algo máis amplo. Non todos os hospitais, por exemplo, teñen profesores. Outro caso: nenos pequenos que faltan moito ás clases porque enferman a miúdo. O traballo coas tecnoloxías nas aulas implica tamén un plus de traballo no fogar.

-JOP ofrece axuda para todas as partes implicadas na educación.

-Exacto. Este proxecto ten unha visión integral, non focalizada nun único grupo, porque o sistema educativo ao final está composto por esas tres pezas [alumnos, docentes, pais], ademais da Administración Pública. Se unha delas queda sen atención ou queda sen vinculación dentro da partida, do xogo, entón ese xogo vai estar incompleto. É o que pasa con outras aplicacións senlleiras.

-O coronavirus puxo sobre a mesa fraquezas do sistema educativo e da súa dixitalización?

-Totalmente. Evidenciou as diferenzas entre países no tratamento do seu sistema educativo. Mentres uns se adaptaron moi rápido, outros, e nós estamos nestes, non o deron feito. Se antes considerabamos que países como os nórdicos, ou China, tiñan moito máis avanzado o seu sistema e esa parte que chamamos engagement, isto evidenciouno completamente. Creo que nos deu un toque de atención no sentido de que viamos que aplicabamos as tecnoloxías nas aulas e ao final, aquí, non serviu de nada. O sistema educativo, en xeral, non se adaptou, e isto ten unha repercusión moi importante. Levamos dende o 13 de marzo sen escola, imaxina para aqueles nenos que están a aprender lectoescritura. Hai excepcións, claro, centros que traballaron moi ben.

-O covid-19 obriga a falar dunha fenda dixital que aínda existe: casas sen ordenador, lugares sen conexión á Rede... Diferenzas!

-Fíxate que hai axudas para ese acceso ás redes e si, ou non se están usando, ou non están chegando e promocionándose como debería. Efectivamente, é unha fenda moi importante.

-Chegou o virus para inducir a repensar a sociedade, pois.

-Si. Pensa no importante que é considerada Instagram, por citar unha rede social moi estendida, e pensa no pouco coñecidas que son as plataformas educativas.

«Ninguén quedou coa idea de que chegamos ata aquí e xa»

A incorporación de Estefanía Lema á Universidade de Valencia é recente, do 13 de xaneiro. Previamente, traballara nas de Vigo, Rioja, na Antonio de Nebrija ou na Camilo José Cela. «Incorporarse á dirección dun grao ten moito traballo», conta a cormelá para dar conta de que aínda non lle deu tempo a facer moita vida por esa nova terra, posto que ata case marzo non pechou tampouco totalmente a súa colaboración coas Nebrija e Cela. Por causa de estudos e demais leva fóra de Corme dende os 18 anos, pero recoñécese asidua no verán, no Nadal e mesmo nalgunha fin de semana. Nesta vila mariñeira segue tendo a súa casa familiar.

Teletraballando dende o inicio do confinamento, o que lles supuxo tamén o esforzo de adaptar o grao a ser on line, Lema dá conta de que estes días, a raíz do premio, xa están metidos de cheo en reunións a diario dentro do equipo e tamén en paneis de expertos. Contactan e son contactados, ademais, por moitas entidades. Hai dúas grandes vertentes no proxecto, a económica, de márketing e negocio, e a de validación adaptada ao nivel cultural de cada país. É nesta última onde a cormelá aporta o seu gran de area. O bo resultado no Hackathon, sendo esta unha edición de récord con case 21.000 participantes e 2.150 proxectos presentados, deulles pase directo ao Matchathon, que será a finais deste mes. Aí poderán contactar potenciais usuarios.

-Como recibiron no equipo o premio acado con JOP?

-Foi un orgullo, por un lado, pero sobre todo lévanos a pensar que temos apoio, que seguimos adiante. Ninguén do equipo, penso, se quedou coa idea de que chegamos ata aquí e xa está. Ao contrario, temos un plan con melloras e demais... É un grupo moi traballador e comprometido.

-A mente posta, pois, na vindeira cita, ese Matchathon.

-Si, ademais das reunións e os paneis de expertos, estamos avanzando no prototipo para presentar. A parte de buscar, claro, a mellor inversión, a que nos permita a adaptación do prototipo que nós queremos. Os Hackhathons implican días de 14 horas diante do ordenador e ademais non é que traballemos cada un dende a súa casa, é que traballamos cada un dende un país e procedentes de sistemas educativos moi distintos. Penso que isto fai mellor a aplicación porque temos visións distintas e entre todos conxugamos unha máis equitativa que se pode adaptar mellor a cada realidade.

Máis en detalle: que é JOP

Unha ferramenta ou aplicación que contribúe a diminuír o estrés dos pais na relación co estudo on line dos fillos, axuda á motivación dos alumnos e facilita a comunicación docentes-pais. En definitiva, facilita os procesos de estudo a distancia. O proxecto recibe 3.000 euros de Huawei, patrocinador do premio, para o seu financiamento.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«O covid-19 evidenciou as diferenzas entre países no tratamento da educación»