Borneiro xa pode presumir do Briño

M. L. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Onte foi presentado dixitalmente o libro que recolle a investigación de Félix Neira sobre o santuario cabanés

03 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non faltan traballos do castro A Cidá, nin tampouco de Dombate, máis o que o docente e investigador Félix Neira denomina como a «Santísima Trindade» de Borneiro tiña aínda unha vertente por desenvolver debidamente: a do santuario do Briño. Esa débeda con tan histórico lugar quedou onte saldada coa presentación -de maneira dixital- da primeira monografía sobre un santuario de Bergantiños. Unha monografía resultante da investigación iniciada por Félix Neira en 2019 e na que se detallan aspectos como a relixiosidade, as orixes do santuario, a contextualización espazo-temporal, o patrimonio material e inmaterial, a economía do templo ou as grandes obras que se foron facendo co paso dos anos.

«No Briño conxúganse de maneira admirable os encantos da arte e da natureza», explica o autor nun vídeo difundido polo Concello de Cabana, encargado da edición do libro xunto coa Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. «Que esta, a primeira monografía feita dun santuario da comarca de Bergantiños, sirva para coñecer a divulgar o noso patrimonio material e inmaterial», engadiu o autor, ao tempo que explicou durante a súa intervención a presenza de veciños ilustres entre os confrades do Carme do Briño. É o caso do bardo Eduardo Pondal, polo que mesmo se celebrou unha misa de defuntos no 1917.

Durante o vídeo, no que tamén participou a vocalista Irma Macías cantando unhas coplas tradicionais nas que figura a parroquia de Borneiro, deu tamén unhas palabras o rexedor cabanés, José Muíño, que loou o traballo, o esforzo e a traxectoria de Neira, a quen agradeceu a posibilidade de que, a partir de agora, a xente poida saber dun espazo con tanta historia como é o santuario do Briño. «Habemos de coñecer o noso pasado para saber de onde vimos e a onde nos diriximos», filosofou Muíño, antes de agradecer a colaboración da Deputación á hora de poñer en valor o riquísimo patrimonio cabanés e, particularmente, o da parroquia de Borneiro. Ao sacerdote Antonio Méndez dedicoulle tamén unhas verbas o rexedor.

«Este traballo dá luz á escuridade que acompañou á historia deste santuario»

Dende onte mesmo pode consultarse na páxina web do Concello de Cabana o libro O Santuario do Briño. Paraíso da arte e natureza en Cabana de Bergantiños. Un traballo que Neira quixo dedicar «á veciñanza da parroquia de Borneiro, pola súa pequena grandeza, cofre das esencias de Galicia», así como ao seu sacerdote. Para a veciñanza tivo tamén unhas palabras o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Luís Penas, a quen cualificou de «afortunados» por poder ter a man e coñecer de preto un ben patrimonial tan prezado. «O resto do país non temos esa sorte», apuntou Penas, «é de subliñar que o traballo de Neira pon luz sobre a escuridade que acompañou á historia deste santuario». E engadiu: «é raro o mes no que non se fagan actividades en Dombate ou Borneiro, e raro tamén o ano no que non se fagan publicacións; pero esta será a primeira para o Briño. Só agardamos telo xa nas mans».