Félix Neira: «O propio Eduardo Pondal figura como confrade do Carme do Briño»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O docente e investigador presenta mañá un traballo sobre a hermida cabanesa

01 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mesmo sábado, día 2 de maio, estará dispoñible na rede a primeira monografía sobre un santuario da comarca de Bergantiños: o do Briño, en Cabana. Noutras circunstancias probablemente se tería publicado en papel e presentado en condicións ante a veciñanza, máis neste caso a introdución a esta investigación, desenvolvida por Félix Neira Pérez, terá que quedar na rede.

O santuario do Briño. Paraíso de arte e natureza en Cabana de Bergantiños, titulou o docente e investigador pobrense, aínda que afincado en Ponteceso, a este texto, no que colaboran o municipio cabanés, a Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

«Estou facendo a tese de doutoramento sobre a arte relixiosa no arciprestado de Seaia (Ponteceso, Malpica e dúas parroquias de Cabana), co cal son dous temas que gardan bastante relación. Propúxenllo a Xosé María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal, e finalmente xurdiu a oportunidade de editalo», conta o propio Neira, que incluíu no documento aspectos como a contextualización histórica e espacial do santuario, o seu patrimonio inmaterial (lendas e literatura), a súa economía, as grandes obras que se fixeron ao longo do tempo e o patrimonio artístico e material. Ademais, o Concello de Laxe cedeu imaxes tomadas polo fotógrafo Xosé Vidal no seu día.

Un riquísimo texto que o investigador completou con traballo de campo e testemuñas de veciños: «Son tiradas pequenas e interesan a xente moi concreta, pero quedan aí. Dalgún xeito créase unha bibliografía sobre a comarca: un fondo local», comenta Neira.

Recolle datos dende o século XVI, mais a información inédita é a da época contemporánea, dos séculos XIX e XX. Dos detalles máis interesantes cos que se topou Neira foi o libro da confraría do Carme. «Atopei algo moi especial que non vin en ningunha outra confraría, pois o párroco gardou rexistro de tódolos confrades do Briño. Segundo ían morrendo apuntaba o seu nome, ano e parroquia de procedencia; e todo porque cada ano se lles facía un acto de defuntos. Esa minuciosidade permite facer un estudo sociolóxico e iso foi, precisamente, o que me levou a facer esta investigación, pois chamoume moito a atención», comenta o docente pobrense.

Nese libro atopou confrades de Laxe, Cabana, Zas, Ponteceso ou Corme, así como os nomes de grandes familias da comarca e mesmo o do bardo Eduardo Pondal. «Outra cousa é que viñera ata o Briño», bromea Neira, «pero o seu nome figura na listaxe».

Unha hermida singular

A romaría do Carme do Briño foi perdendo afluencia co paso dos anos, pero o certo é que nos séculos XIX e XX era unha celebración moi popular en Bergantiños. A propia hermida é moi singular, e por diferentes motivos: «Non hai outra como ela en toda a volta: ten escultura en pedra na fachada, e tamén no interior; e, ademais, ten dúas cúpulas Tamén, grazas ao descubrimento dunha inscrición hai uns anos, sabemos o nome do canteiro: Domingo Martínez, de Tines (Vimianzo)», conta o autor do texto, que no transcurso da súa investigación el mesmo chegou a atopar outras dúas inscricións non rexistradas. «A saber cantas máis haberá», explica.

En canto á antigüidade da propia construción, non está demasiado claro. Se ben as partes máis sólidas datan seguramente do século XVI, sábese que con anterioridade houbo un hospital que servía como parada para xente de paso.

Detalles coma este, así como un estudo do seu entorno natural, poderán atoparse na exhaustiva investigación de Neira, que poderá consultarse na rede a partir de mañá sábado.