A antorcha non se apaga

La Voz

CARBALLO

25 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Son as tantas da tarde, e hai un anaco que me enfrasquei na aventura de conquistar no taboleiro da estratexia. O contrincante é un albanés e acaba de darme un xaque cun dos seus cabalos. De súpeto, empezo a oír berros na rúa; imaxínome que non son pola ofensa que acabo de sufrir no ataque ao meu rei e saio a mirar o que acontece.

Xente nas fiestras berran reclamando que se faga algo, e pronto. Cando vexo que a cabina do camión que sustenta a familia dun veciño está a arder, lanzando un fume máis escuro e espeso que o que arriaban as cachelas do meu igrexario nas festas do San Xoán; aquelas que preparábamos coas rodas e os restos, latas de aceite e gasolina incluídas, todo apañado no antigo concesionario da Seat. Pero xa non están nin Enrique A. ,Rodas; nin Suso C., Nicacio; nin Ricardo G., Patacón, e outros, que se foron sen o meu permiso, por tanto, nada ten que ver coas festas, sen eles nunca xamais serán festas as da infancia pasada. Pero seguen a reclamarme pinchándome e o seu espírito de aventureiros é o que se me impón dándome forzas para que faga algo. Diríxome ao garaxe e collo un extintor coas presas que me prestan os 60 anos cumpridos, moitos quilos de máis e un feixe de horas, pasadas nos tombos da vida. Corro con tanta urxencia a apagar o lume como a que levabamos de cativos para botarlle leña de última hora á cachela máis grande de todo Carballo.

É inútil, non se apaga por máis que eu faga; con un extintor só non abonda. Terán que ser novos heroes con outras armas os que resolvan a desfeita. E chegan de repente eles... Policías municipais, Protección Civil e os Bombeiros no seu camión vermello, esforzo e sangue, sen tardar nin un soño de cativo. Dous pequenos minutos lles dura o virulento lume. Grazas, moitas grazas por estar sempre.

Agora con todo seguro, presinto e revivo no pasado, como si estivésemos a palmearnos no lombo todos os rapaces do barrio, propoñéndonos botar a correr de ledicia cara o Anllóns a lavar os tizóns do fume que nos emborrallaba tras das cachelas, para logo montar como irmáns no camión dos bombeiros facendo soar a vella campaíña. E véxoos de novo; estamos todos xuntos esperando que amaine o lume da fogueira para saltalo cara as estrelas. Paco Cotelo.