Grobas: «Ata agora tirabamos de mensaxes, mesmo rexeitabamos as chamadas»

F. rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

O informático e DJ deu en Radio Voz varios consellos para facer videoconferencias

22 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o seu confinamento de Ponteceso explicou onte José Luís Grobas para os oíntes de Radio Voz Bergantiños as mellores opcións para facer nestes días de encerro as tan utilizadas videoconferencias. O informático e DJ falou dos mellores trucos para dar unha boa imaxe en chamadas de traballo, así como das aplicacións con maior rendemento. Isto foi o que conversou con Fran Rodríguez:

-Co confinamento chegou tamén o auxe das videoconferencais.

-Ata agora estabamos nun momento no que empregabamos case exclusivamente o WhatsApp, e mesmo rexeitabamos dalgún xeito a chamada telefónica: canto menos contacto, mellor. E agora todo o mundo busca verse, botámolo moito de menos. Por iso non está de máis lembrar unhas cantas recomendacións para que a comunicación sexa o máis fluída posible e non malgastemos a metade do tempo cos «non te ouzo» ou «non te vexo» e poidamos estar cómodos e gozala.

-Algún consello?

-Primeiramente, dedicarlle uns minutos a preparar a conversación que imos manter, ben sexa familiar, entre amigos ou laboral. Hai que coidar o fondo, tratando de que sexa unha parede lisa e que non se vexa desorde. Tamén se dá o caso contrario, que se está vendo moito pola televisión estes días: cando a xente quere aparentar que é moi lista [ri] e ponse diante de estantes cheos de libros, co cal leva máis atención ao fondo que ao que realmente se quere ver.

Outro detalle que é moi importante, e que case ninguén ten en conta, é a necesidade de limpar a cámara, sobre todo se se trata da frontal do teléfono móbil, que ao estar pegada á orella acostuma a estar bastante sucia. Convén, así mesmo, prestar atención á posición da cámara -o ideal é que estea á altura dos ollos-, así como á luz. Neste último caso, trataremos de buscar unha fonte de luz frontal. No referido ao son, moita xente emprega os auriculares clásicos que veñen incluídos nas caixas dos teléfonos móbiles, porque melloran moito o son e non captan os ecos das habitacións. É unha boa proposta.

Dedicándolle un minuto a preparar o lugar da videoconferencai, penso que podemos obter uns resultados bastante bos.

-Cales son as mellores aplicacións?

-Depende da situación, pero tamén das preferencias e da plataforma de cada un. A aplicación de referencia, a de toda a vida, sería Skype, que permite ata dez persoas no modo gratuíto e 25 se son só oíntes. A nivel profesional é unha das máis utilizadas. Hangouts é unha alternativa a WhatsApp, e acepta ata dez persoas, pero non é demasiado empregada. Eu creo que agora mesmo da que todo o mundo tira é do WhatsApp, que ten un límite de catro persoas, aínda que lin que xa se está traballando en amplialo. En exclusiva para usuarios de Apple existe Facetime, que funciona moi ben e ten un límite de 32 interlocutores. Tamén están moi ben Google Duo ou a aplicación de Facebook, que eu nunca a probara e gustoume moito. Sobre todo porque permite engadir xogos e estes filtros que están tan de moda. Parece ser que Instagram tamén ten un sistema de ata catro persoas. Eu probeino onte e o sistema pareceume algo complicado.

-E que hai da famosa Zoom?

-Polo que puiden investigar, existe dende o ano 2011, e estábase utilizando bastante a nivel empresarial polas súas prestacións. Era unha empresa relativamente pequena e, de repente, púxose de moda durante a crise, pasando a ser utilizada por millóns de persoas ao mesmo tempo. O problema é que cando unha aplicación absorbe tal número de usuarios sofre tamén unha cantidade exponencial de ataques.

Cando unha aplicación é descargada dende as tendas oficiais dos dispositivos móbiles (como a App Store de Apple ou a Play Store de Android) sempre dá unha tranquilidade, porque teñen que pasar uns certos filtros. Para ordenadores iso é un descampado. Déronse casos de suplantación de identidade: os típicos correos que chegan avisándote de que un amigo te convidou a unha conversa de Zoom. Ti picas no enlace, pensando que estás descargando o programa, pero en realidade descargas outro arquivo que obtén información túa... Non é un problema de seguridade moito máis grave dos que puideron ter tido outras grandes aplicacións como Facebook ou WhatsApp, pero hai que ter coidado á hora de descargar os arquivos.