Nacer en tempos de pandemia

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

20 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste Venres Santo, un parella de gardas civís axudaron no parto dunha vaca en Xove. A pandemia déixanos titulares tan pintorescos e marabillosos coma estes. Na miña casa, naceron moitos e da mesma forma. Na casa de moitos de vós seguro que tamén, aínda que agora sexan recordos residuais dun tempo pasado e alleo. A noite na que nace un becerro, o nerviosismo e a incerteza impera no ambiente. Só mans expertas se aventuran a examinar se vén ben posicionado. En caso afirmativo, comézase nun silencio case sepulcral a atar os pés en nós precisos. Os mariñeiros saberán moito de dar lazadas pero os gandeiros tamén teñen as súas propias mañas. Despois, chega a parte máis crucial : tirar pola corda entre tódolos veciños para que chegue o milagre da vida mentres a nai brúa. Contemplar pois a un tenreiro neonato mentres se procede a limparlle a boca é en parte observar a filantropía da existencia, ese primeiro alento convulso enchendo os pulmóns de aire do exterior por primeira vez. Antigamente, se non se conseguía que respirase folgadamente, procedíase a reanimalo, abríndolle a boca e movéndolle as extremidades en círculos. Os vellos sabían o que facían e nomear a Santo Antoíño sempre era un recurso máis a ter en conta. Isto tamén reflicte unha realidade desapercibida: todos nacemos e morremos entre coidados de terceiros.

O modelo sociolóxico de abandono e decaemento do rural galego nas últimas décadas fixo que os veciños se cambiasen por modernos sistemas de cordas e poleas. Nacer en tempos de pandemia fai que poidamos recuperar pequenos retallos da nosa idiosincrasia colectiva. Por certo, os becerros camiñan en poucas horas, teño o convencemento inequívoco de que son infinitamente intelixentes.