Reinventarse nun piso de 80 metros cadrados

CARBALLO

CEDIDA

«O 7 de marzo, as simulacións matemáticas indicaban que o pico da pandemia chegaría en Galicia o 5 de abril, tal e como acabou ocorrendo», conta o científico Jorge Mira

19 abr 2020 . Actualizado a las 21:48 h.

Unha das miñas liñas de investigación máis chamativas é a que intenta adiviñar matematicamente o comportamento colectivo das persoas. Nesa liña, compañeiros meus fan predicións da expansión de pandemias. O 4 de marzo, dous deles avisaron que isto do coronavirus era perigoso. O 7 de marzo, as simulacións matemáticas indicaban que o pico da pandemia chegaría en Galicia o 5 de abril (xusto o día das eleccións galegas), cunha taxa de máis de 500 novos infectados por día, tal e como acabou ocorrendo…

O 7 de marzo… Parece un pasado remoto, ¿lembran o diferente que era a nosa vida daquela? Aínda que xa as vía vir, confeso que me sorprendeu a magnitude da hecatombe e ?mala sorte- quedei atrapado en Santiago (xa me podía ter pillado en Baio). Un dos compañeiros pídeme que lle axude co cálculo da pandemia. Sumar esa nova investigación ao inicio do confinamento fixo que notase pouco o impacto dos primeiros días. Pero ao final… son unha persoa de método, con horarios e hábitos de vida consolidados, que agora se viñan abaixo.

Tiven que crear uns novos hábitos para vivir encerrado nun piso de 80 metros cadrados. Ao levantarme, o primeiro que fago é ler a Voz de Galicia. Lavo os cacharros do día anterior e limpo. Almorzo cereais. Chega o momento das chamadas a colaboradores, a consulta do correo electrónico para o traballo… A iso das 3, ver as noticias mentres xanto. O xantar para min foi o primeiro reto. Sempre o fixera no comedor universitario ou na casa de miña nai na fin de semana… ¿e agora que? O salto cualitativo produciuse cando fixen o meu primeiro ovo fritido co microondas (grazas, Youtube). Xa lanzado, decateime de que teño cociña. Levo 18 anos no piso e nunca acendese (ao cocer pasta, hai que abrirlle un pouco o tello á pota, que senón sae a auga). Ás 4 chamo á familia e amizades e fago mindfulness. Tamén estou tendo bastante actividade nos medios, sobre todo nestes días nos que enviamos unha nota de prensa co balance das nosas investigacións sobre a evolución do coronavirus. Ás 7 chega o momento do deporte. Esa foi outra: ¿como compensar o feito de non poder ir á piscina? Convertendo a dificultade en oportunidade. Para empezar, empecei o confinamento con dúas lesións, que necesitaban un cambio de actividade física. Curadas. Xa se sabe, non hai mal que por ben non veña. Fago máis deporte ca antes, máis de hora e media: estiramento, reforzamento muscular e retomei o taekuondo. Como teño o piso baleiro, puiden converter unha habitación en ximnasio. Aí si que fun previsor, trouxen o material necesario para adestrar. Quizais me paso algo. En tres semanas perdín tres quilos. Tamén me lesionei outras dúas veces.

No medio do deporte, fago o pequeno parón das 8 para o aplauso, e de paso para rexoubar que xente hai nos outros pisos, que non vira tanto na miña vida. Ás 9, ver titulares das noticias, ducha, e cea mentres vexo a tele. Ao acabar, volta ao ordenador a ver redes, os últimos correos do día… Estoume deitando ás 3 da mañá, pelexando para non ir máis aló desa hora, que é unha tendencia na que é fácil caer.

As saídas ao exterior, mínimas. Para unha persoa con tendencia á hipocondría é fácil cumprir as normas. Só saín catro veces ao supermercado nestas seis semanas. Deixo o carro e os zapatos fóra da casa para que se descontaminen. Abro a porta, descalzo, e baleiro a froita nunha bañeira cun pouco de lixivia que xa deixara preparada ao carón da porta. Cos guantes postos, quito os envases de cartón para o lixo e quedo coas bolsas de dentro. Os outros recipientes van a outra bañeira con xabón, ou senón a unha zona de corentena. Quito os guantes, lavo mans, máscara fóra, e ata meto auga con xabón polo nariz. Imposible que me entre o bicho na casa.

Sorpréndeme o ben que levo estar encerrado no piso, en soidade, xa seis semanas. Seis semanas en pixama. O parón é unha oportunidade, un dique seco para retomar aquilo que tiñas aparcado e para o descubrimento persoal. Ah, e tamén descubro que o neno do piso de arriba fai máis ruído do que cría. E detecto outras carencias vitais: isto de lavar os pixamas na bañeira, anicado e fregando na roupa coma nos lavadoiros de hai décadas, non é plan. O primeiro que farei cando saia, será mercar unha lavadora. Con secadora. E un tendal.

DNI

Jorge Mira Pérez (Baio, 1968) é catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela. Entre os numerosos galardóns que recibiu polo seu labor destacan os seguintes: premio do Colegio Oficial de Físicos de España, finalista do premio ao físico español novel, premio da Real Academia Galega de Ciencias e premio da Crítica de Galicia. Ten traballos de investigación con John Goodenough, Premio Nobel 2019.