Inquilinos da casa do pobo

D.F.C. Carballo TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

17 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesta época de clausura bótase de menos por parte do fatigado goberno local, entre outras actuacións, algunha mensaxe de ánimo, certa información e por suposto algunha orixinalidade. Non nos esquezamos da santísima oposición local, que só pensa nas fotos e en sementar a desavinza a esgalla. Non atopo ningunha pancarta dicindo «Forza», «Afouteza» ou «Aguantade». Por poñer un exemplo simbólico e cargado de beleza, no cativo Concello da Fonsagrada emitiron un bando permitindo ao señor Ratiño Pérez saír polas noites para recoller os dentes dos nenos e deixarlles agasallos. Aquí a sensación e ir sempre a rebufo doutros concellos, non dubido da súa honestidade, pero o termo proactivo non define a esta corporación. Temos como única excepción a Concellería de Promoción Económica e Turismo.

Contamos cun concelleiro con dedicación exclusiva en Cultura e Deporte, dúas vigas fundamentais para levar o confinamento. Pois nada, estamos á espera de que amañeza do seu longo letargo, e nos envíe un conto á casa, poña en marcha tele-clases de ximnasia ou anime a cantar ao pobo. Iso si, tardou un mes en iniciar un concurso de microrrelatos en Instagram. ¿E se non quero ter conta en Instagram como fago?

Estaría ben que o noso goberno local aproveitase que en Carballo temos dúas delegacións de medios de prensa e lles pasase información ou declaracións clarificantes.

Estes días son máis difíciles para os nosos maiores, unha xeración que tivo moitas privacións, primeiro criáronnos, despois coidáronos na crise do 2008, si, eses campións do autoconsumo e o ecoloxismo, case sen sabelo. Debemos repensar os modelos das residencias... ¿Algo municipal? Son días de mirar para o rural con moito cariño, onde espero que Internet e o teléfono estean funcionando correctamente.

Nestas xornadas renace certo espírito de barrio, falamos con esa veciña/o por primeira vez, animámonos a pedir prestado sal ou a wifi. Lembro cando nos barrios sentíase a vida e seguridade da comunidade. Oxalá perdamos esa manía de ir todos aos mesmos sitios, para estar ateigados, só para ver e ser vistos. Por favor, non deixemos esmorecer os barrios.

Graciñas a toda esa xente que segue a traballar, sen perder o sorriso, para facernos ao resto todo máis aturable, o vindeiro 1 de Maio debe ser para vós.

E lembrarnos de seguir apoiando ao comercio e hostalaría local cando remate esta situación.