Víctor García: «A realidade do músico que ensaia na casa non é tan bonita como se ve»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Dende que comezou o confinamento este músico laxense fixo xa varios temas, que comparte na Rede

15 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Manuel García Pose (Laxe, 1971), director da Escola de Música de Laxe e exintegrante de formacións míticas como foron os Troleblues, o Tren da Unha ou a orquestra Nuevas Ideas de Corme, está aproveitando o confinamento para exercitar o músculo vocal e espiritual e crear moita música, que publica no seu perfil de Facebook entre felicitacións e loanzas de amigos e seguidores. Di que se inspirou nas súas propias emocións, pero tamén nesta situación tan peculiar que estamos a vivir: «Nun dos temas, por exemplo, falei de que como non comecemos a valorar as cousas que realmente importan, como unha boa sanidade non privatizada, en quince ou vinte anos volveremos repetir os mesmos erros», conta Víctor.

-Sempre tivo tanta actividade? Ou está o confinamento activando a súa inspiración?

-O certo é que non, de feito antes custábame máis facer cancións. Entre outras cousas porque tiña que preparar clases para setenta e pico alumnos que teño. Agora que teño tempo comezou a saír unha detrás doutra, e como non teño máis nada que facer... [ri]

-E todo para a rede. Que tal está sendo a acollida?

-Pois o certo é que moita xente de Laxe está dicíndome que lles gusta, e eu encantado.

-Teñen estes temas que creou na corentena unha temática común?

-Todo comezou cun blues, o Coronablues, e de aí seguín escribindo máis. Fixen Juventud nun día que estaba melancólico porque os que foran os meus compañeiros de Troleblues postearan un vídeo do 1992, de cando participamos nun concurso de televisión; e tamén polo pasamento de Xaquín [Bello], un amigo que tocara nos Desertores do arado. Seguidamente fixen unha versión de Lean on me; e despois, cando souben da prórroga do estado de alarma, collín a guitarra e saíume unha adaptación de Quién me ha robado el mes de abril [ri]. E así foron saíndo, unha tras outra.

-E que opinan os veciños?

-A veces a realidade non é tan bonita como se ve, no que se refire aos músicos ensaiando na casa. Estes días vin que un amigo meu, Pablo Añón, un saxofonista incrible, tivo que deixar de tocar na casa por problemas cun veciño, precisamente. E tampouco pode teletraballar dando clase dende a casa.

-Como este confinamento se alongue moito máis xa terá para un disco enteiro.

-A ver! [ri] Aínda que o do disco non é tan doado. De feito, púxenlle música a uns poemas de Antón Zapata e, o día que se poida, tamén me gustaría facer algo serio con eles. Tempo ao tempo.

-Ten algún xa no mercado?

-Non, o único disco editado no que eu participei foi un que se chamou Rock na Costa da Morte, no que estabamos varios grupos.

-En todo caso, vostede semella máis un músico de directo que de estudio.

-Claro que si! Gústame que a música me penetre por cada poro da miña pel. Aínda que con este confinamento non queda outra que estar na casa. O músico ten que tocar, non queda outra: adestrar o músculo.

-Segue na Escola Municipal de Música de Laxe?

-Si, levo xa 15 anos dando clase dende a cativos de 3 ou 4 anos ata señores de setenta.

-Que tal a docencia?

-Hai que ter moita paciencia, pero é unha experiencia moi enriquecedora, porque é unha maneira de compartir a música, non tanto de ensinar. A cousa está tamén parada, como todo, pero díxenlles aos rapaces que me enviasen vídeos para colgalos na páxina do Concello e así tamén mantelos activos e animados.

-Os nenos seguramente sexan dos colectivos que peor leven o confinamento.

-Seguro. E persoas como o meu pai, que acaba de facer 80 anos e ten principios de demencia e non comprende o que está a pasar.

-Para esta pasada fin de semana convocouse unha apagón cultural para reivindicar a importancia do sector, que se verá moi afectado por esta crise sanitaria.

-Eu, de feito, por solidariedade, compartino no meu muro; aínda que despois se desconvocou e volvín á actividade normal. A cultura, dende logo, é fundamental para mover as catro neuronas que ten algún na cabeza. Que fariamos nun confinamento sen produción cultural? A cultura é alimento.