Bieto Romero: «Na miña casa hai unhas pautas moi marcadas sobre a reciclaxe»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Luar na Lubre conta, no seu novo traballo, coa colaboración de Miguel Ríos para o tema Benvido

06 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Luar na Lubre deu a coñecer o pasado 27 de marzo os dous primeiros temas- Benvido e Mártiros e o vákner- do seu novo disco: Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos. O primeiro conta coa participación, tal e como explica Bieito Romero, de Miguel Ríos. «Quixemos presentar estes dous temas como adianto do que vai ser o traballo que sairá en breve, cando superemos esta situación que estamos a vivir».

-Como xurde esa colaboración?

-Foi dalgunha maneira un teletraballo, isto que está tan de moda agora. O feito de que Miguel Ríos colaborara foi unha casualidade. Coincido moitas veces en Madrid con el, cando fago as presentacións dos traballos, e nunha ocasión atopeime con el nunha radio e comenteille que tiña que colaborar con nós. Contestoume que cando eu quixera, así que propúxenllo para esta volta e dixo que si. Este tema Benvido abre o disco. Ten un carácter moi positivo e acolledor e, sobre todo, de benvida a toda a xente que chega a Galicia. É a primeira vez que canta en galego. É encantador e foi moi doado traballar con el.

-Que historia está detrás da outra composición?

-Este disco está pensado, fundamentalmente, para os peregrinos e na parte humana dos diferentes camiños que chegan a Compostela, portadores das vieiras que é o símbolo de Santiago. Un deses peregrinos foi o armenio Mártiros que, no ano 1491, chegou a Compostela, recibiu a bendición do Apóstolo e, como manda a tradición, continuo o seu camiño ata Fisterra, cara a fin do mundo. Nos montes de Dumbría conta que se atopou cunha besta maligna que el denominou vákner. El zafou del e deixounos esta historia fantástica.

-No tocante ao seu ámbito, o cultural, deberían estar máis presentes estes asuntos medioambientais?

-Neste e no resto. En absolutamente todo. Pero si é certo que a música pode achegar certas mensaxes porque utiliza unha linguaxe universal.

-No seu caso particular, como o leva?

-Fago o que podo. É certo que hai determinados hábitos que non permiten que fagas as cousas como é debido. Pero eu creo que, como se soe dicir, progreso adecuadamente. Na nosa casa hai unhas pautas de reciclaxe ben marcadas, sobre todo grazas á miña muller que ten unha gran conciencia sobre estes temas. Ela encárgase de que o resto vaiamos polo camiño adecuado. Debemos seguir así para que as cousas sexan máis sostibles.

-Que hábitos foron incorporando?

-Pois, sobre todo, o tema da separación dos refugallos, orgánico e inorgánico. Tamén cos vidros. Os plásticos e envases lixeiros tamén hai que reducilos. Pautas básicas e moi sinxelas que se todos cumprimos nos beneficiarán moito.