A primavera das Festiletras do Couto posponse ata o vindeiro mes de setembro

La Voz

CARBALLO

BASILIO BELLO

O festival posponse ata a primeira fin de semana de setembro

03 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«A nosa será en setembro, máis haberá primavera». Así anunciaba o equipo das Festiletras do Couto o aprazamento da que sería a súa 38ª. edición, prevista do 10 ao 17 de maio coincidindo co festexo das Letras Galegas, como é costume. Carlangas, Dakidarría, Maral Trío, L-R, Zënzar, Xosé Lois Romero e Aliboria e Leo Arremecághona eran as primeiras confirmacións.

«Cando fomos vendo a evolución desta pandemia xa nos preocupamos. Nós estamos encantados de chegar á nosa cita de maio arredor das letras, pero estimamos que desta vez non ía poder ser. Aínda que para esa fecha recuperemos a normalidade, cremos que é mellor celebrar [as Festiletras] nunha data máis adiante, para evitar posibles aglomeracións tan pronto», explicaba onte en RadioVoz o xerente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela.

«Entendemos que todos os artistas teñen unha familia que alimentar e que a cultura vai precisar de moitísimo apoio unha vez pase isto. Son persoas que están facendo por alegrarnos os días dende a casa, que están dando o mellor de si», dixo Varela para xustificar a decisión de celebrar o festival e non suspendelo directamente. Será, nun principio, do 4 ao 6 de setembro.