Ramón Pérez Barrientos: «A xente pórtase ben, a inmensa maioría fai o debido e queda na casa»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Muxía, que preside Barrientos, traballa arreo estes días en todo o municipio, levando medicamentos ou comida aos veciños

30 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Pérez Barrientos (1961) é o coordinador de Protección Civil de Muxía dende 1992. Dende hai trece anos tamén é o tesoureiro da Asociación Nacional de Voluntarios de Protección Civil. Xa é, por tanto, moio veterano en todo tipo de circunstancias graves, pero a actual supera todo o feito e tamén todo o previsible. A entidade que preside ten estes días moito traballo, que leva a cabo en dous grupos, para que polo menos sempre haxa un que, no peor dos casos, non se contaxie do outro.

-Que labores están realizando estes días?

-Principalmente, desinfectando as rúas e zonas públicas. E tamén repartindo alimentos e medicamentos a xente que está confinada. Eles fannos a lista e nós encargámonos. Xente maior, sobre todo, que non pode saír, ou que ten moito medo a facelo. Tamén estamos recollendo e distribuíndo material, por exemplo mil buzos para o hospital de Cee, e cerca de 200 para o xeriátrico de Vimianzo. Moitos tiñámolos nós, outros son de xente que os dona. De feito, algúns xa os usabamos estes anos de atrás cando era necesario.

-Traballan máis na capital municipal ou por todo o municipio? Na zona rural moita xente si pode saír á horta.

-Pois estamos por todas as parroquias, porque hai de todo. incluso diría que nos reclaman máis da zona rural. É normal, porque tamén hai xente de máis idade. Moitos ven a televisión e teñen medo, nin á horta saen. É xente que sempre se coidou, e ségueo facendo.

-E, xa que están por todas partes, que tal se portan os veciños coas ordes do estado de alarma?

-Pois teño que dicir que a xente pórtase ben, a inmensa maioría fai o debido e queda na casa, respectando as normas. Si, todos sabemos que pode haber eses dous ou tres que o saltan, pero son excepcións.

-Esta situación de excepcionalidades non lle lembra algo ao Prestige?

-Ás veces si, por iso de ser unha crise, pero non ten nada que ver. O confinamento é a gran diferenza, e antes as rúas estaban cheas de xente, Muxía era un fervedoiro. E aquilo foi grave, pero isto é outra cousa: aquí morre xente. Só por isto prefería 200 Prestige antes do que está pasando.

-O curioso é que vostedes, en Muxía, están curtidos en mil desastres.

-Sempre nos tocou de todo, si. A ver, o de agora é en todas partes, pero para nós é sumar xa a moitas cousas. Aquí sempre houbo de todo: o Prestige, moitos afogados no mar, tantos nos barcos ou percebeiros como agora a deportiva; o que pasou coa Barca, as inundacións os accidentes nas estradas, os incendios tremendos que nos tocaron... Todos os pobos teñen as súas cousas, pero as que vimos aquí...

-Polo menos estes días, as emerxencias habituais baixaron.

-Claro, moito. Non hai xente fóra, apenas hai coches. O outro día, por exemplo, tivemos unha saída para darlle batería a un coche que quedara sen ela por non usalo. Nada que ver co resto do ano, estamos a cero neses temas. Pero, ollo, xa veremos que pasa cando todo se abra. Espero que haxa control.

-Tócalles tratar con moita xente. Teñen medo?

-Algo temos, claro. Ou, máis que medo, respecto. Imos protexidos ao máximo, a saúde é o principal. Pero ninguén che quita que o poidas coller. Antes, cando aquí non había positivos, se cadra estabamos máis tranquilos. Pero agora, ao telo tan cerca.. A xente tamén colleu máis conciencia da súa gravidade ao haber casos no municipio.

-Percibe apoio ao seu traballo?

-Protección Civil sempre estivo moi valorada en Muxía, o que non quita que sempre poida haber algún que diga outra cousa. Pero, á hora da verdade, neste caso e máis en todos os demais, e xa ven quen está. Non só nós, claro: Policía Local, Garda Civil...

-Cmo ve a parte psicolóxica do confinamento? Hai moitos problemas?

-Creo que non. Cando antes dicía que a xente se porta ben, que respecta as normas, tamén podo dicir que tampouco hai rechazos nin malos comentarios. Home, xa sabemos que a xente aquí está afeita a saír, a ir polas rúas, a ver o mar... Pero é o que hai. Nós, ademais de persoalmente, usamos as nosas redes para dar consellos, contestamos mensaxes, resolvemos dúbidas... Unha especie de consultorio aberto aos veciños. E todos responden de marabilla. Estou moi orgulloso dos nosos veciños. E digo igual ca antes: non somos só Protección Civil, o equipo de todos os que traballan é moi bo. Dúas veces por semana imos coas sirenas uns minutos para alegrar aos nenos, moito o agradecen.