Un compostelán na Costa da Morte

En primeira persoa, por Pablo Sanmartín | «Din que a vida son intres, seguro que este é dos peores, mais xa conto os días para volver percorrer eses camiños cheos de historia»


A Costa da Morte é un territorio cheo de contrastes, de verdes vales e pequenas rías, de silenciosas fragas de ribeira a ondas embravecidas que baten contra cantís e longos areais, sen esquecer eses miradoiros naturais na Fisterra onde morre o sol da Europa continental. É moito máis que o bruído do mar na costa verdecente do bardo Pondal e dos faros que avisan ós navegantes dos perigosos baixíos, escollos e farallóns desta costa famosa polos seus miles de naufraxios. O seu verdadeiro segredo é a súa xente, e seino por experiencia, persoas que te atrapan para sempre. Nestes días de memoria e reflexión recordo con nostalxia estas paisaxes e experiencias vividas envoltas na atmosfera única desta rexión.

A miña vinculación coa Costa da Morte foi serodia, mais intensa e hoxe é imprescindible. Foi nas aulas da USC cando coñecín a un bergantiñán retranqueiro que presumía de vivir ó carón dunha catedral, e non era románica senón megalítica. Aquel mozo converteuse co tempo no mellor embaixador do patrimonio cultural da súa parroquia, San Xoán de Borneiro, e do seu concello, Cabana de Bergantiños. Alí segue desvelando a miles de turistas os misterios deste enclave natural e patrimonial privilexiado ó carón doutros grandes guías e amigos.

Como designio do destino, no ano 2005, a miña parella comezou a exercer de guía desta Fornella de Vilaseco, daquela agochada baixo a «haima» de cor negra que se instalara de xeito «provisional» durante as campañas de escavación dirixidas por J. M. Bello Diéguez. Despois de moitos anos pechado ó público, a Deputación Provincial da Coruña, iniciaba o lento proceso de recuperación dunha das iconas da Costa da Morte, o dolmen de Dombate. Nas fins de semana, mentres ela traballaba, eu pasaba as tardes procurando o patrimonio soneirán coa axuda do plano elaborado por Roberto Mouzo, editado por un embrionario Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), e as guías da asociación NERIA.

Os vínculos afectivos foron medrando e tecemos novas amizades que deron como resultado a creación da Asociación Pedra Vixía. Un pequeno colectivo de persoas da Costa da Morte e das Terras de Compostela que nos xuntabamos para percorrer os sendeiros e enclaves desta Costa de Solpor, como diría un admirado colega. Daquela apenas había rutas sinalizadas nin «andainas para coñecer a Costa da Morte», mais podo dicirvos que este programa que hoxe conta con centos de seguidores xurdiu en boa medida do maxín dalgúns dos compoñentes desta pequena asociación que se reunían, cando as obrigas familiares e laborais o permitían, nesta área de lecer á beira do río Grande da Terra de Soneira. Moito antes de xurdir este programa de sendeirismo, tamén colaboraba ocasionalmente nas rutas artelladas polo Concello de Vimianzo, ó que logo se unirían os de Camariñas e Ponteceso. Só eramos un par de ducias de participantes, pero que ben o pasabamos seguindo os pasos dos Moscoso, percorrendo treitos do Camiño dos Faros, brincando entre os Penedos de Traba e Pasarela…. Grazas ó traballo e planificación dos técnicos municipais, moi pouco valorado, coñecemos e gozamos dun patrimonio esquecido que se converteu en querido e admirado.

A miña ligazón coa Costa da Morte segue moi presente na actualidade. Dende o 2015 son un membro máis da familia do SEMESCOM, coa que non só coñezo a Costa da More senón outras fisterras europeas dun xeito peculiar e único grazas á sabedoría que transmite nas expedicións e afinidade co resto de membros desta entidade.

Tampouco podía esquecerme das actividades e proxectos realizados ó carón dos compañeiros do Colectivo A Rula, na procura de visibilizar a arte rupestre na Costa da Morte, sempre relegada a un segundo plano polos grandes megálitos e castros deste confín da Galiza. A sinalización e ruta dos petróglifos do promontorio de Corme ou as limpezas e rutas ós gravados de Berdoias e Boallo en Vimianzo, son boa mostra de que a valorización do noso patrimonio non sempre require grandes investimentos senón unha boa dose de imaxinación e moita vontade política.

Neste difícil confinamento, sen contacto físico coa natureza, anímovos a refuxiarvos coma min no mundo virtual, nas vellas fotografías e nos libros e documentais ambientados na Costa da Morte. A cultura tamén axuda a levar mellor este encerro. Din que a vida son intres, seguro que este é dos peores, mais xa conto os días para volver percorrer eses camiños cheos de historia, visitar eses monumentos singulares, apañar cogomelos nas devesas do litoral, pescar ás orelas do Xallas ou gozar coas amizades nas innúmeras festas estivais da Costa da Morte. Desta sairemos apreciando máis o que temos e a quen temos.

Apuntes biográficos

Licenciado en Historia con especialidade en xestión da información documental, arquivística e xestión arqueolóxica; técnico superior en información turística e guía turístico oficial. Tras pasar por municipios como Lugo, Vigo, Negreira, Becerreá e Pontevedra, así como polo antigo Arquivo Xeral da Xunta, dende o 2007 exerce como arquivista no Concello de Teo. É tamén o secretario de A Rula, un colectivo que busca a divulgación e protección da arte rupestre. Fixo varias incursións no mundo de arqueoloxía durante algúns veráns nos que traballou en xacementos en Portugal: o Castro do Monte Padrâo e a Citania de Alvarelhos. Tamén fixo algunhas intervencións coa empresa de arqueoloxía Anta de Moura.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
29 votos
Comentarios

Un compostelán na Costa da Morte