Jesica Coiradas, deseñadora de moda que está fabricando mascarillas: «Atopámonos con desabastecemento de tecidos»

F. Rodríguez / M. L. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A ceense fai un chamamento a quen dispoña de tecidos ou materiais para poder seguir producindo

27 mar 2020 . Actualizado a las 22:02 h.

A ceense Jesica Coiradas cambiou o deseño de moda pola fabricación de mascarillas para doar a colectivos que poidan precisalas neste tempo de emerxencia. Por agora entregounas a Protección Civil, e seguirá confeccionándoas en canto solvente a falta de abastecemento de tecidos coa que se atopou.

-A pandemia tamén frustrou algún proxecto seu.

-Pois o certo é que si, este ano pensaba sacar a miña primeira colección propia, xa baixo a miña marca persoal, pero terá que esperar un pouquiño a que isto pase.

-Seguramente nunca pensara en facer mascarillas...

-Pois non [ri], nunca se me pasara pola cabeza; pero vista a necesidade que había, xurdiu..

-A quen van dirixidas?

-Polo de agora púxose en contacto connosco Protección Civil de Cee e xa llelas entregamos a eles. Somos catro persoas aquí no taller e, entre todas, imos aportando o que podemos.

-Cantas poden elaborar nun día?

-Ata o de agora non estivemos un día completo facéndoas, pero en dúas ou tres horas temos sacado unhas 100 ou 110.

-Dan conseguido os materiais?

-Estamos tendo algúns problemas de abastecemento de tecidos. As que fixemos ata o de agora foron con algodón 100 % natural que xa tiñamos no taller, pero facemos un chamamento a quen queira doar tecidos para seguir producíndoas.

-Só algodón?

-É o que estamos empregando, pero tamén existe o pellón, un material non tecido que ten máis capacidade de filtrado e que pode atoparse, por exemplo, en imprentas, pois utilízase para facer bolsas de publicidade.

-Utilizaron algodón pois é o material que usa nos seus deseños.

-Si, eu traballo con algodón orgánico facendo bolsas e prendas nas que aplico, ademais, tinturas feitas por min mesma.