Coronavirus, un alto no camiño

Xosé M. Barros TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

BASILIO BELLO

24 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos xa na segunda semana da alarma. De súpeto, téñense alterado todas as nosas prioridades, todos os aspectos da nosa vida cotián. Ate hai uns días, era a ameaza do cambio climático a preocupación de máis calibre nos organismos internacionais, comunidade científica, medios de comunicación e nas nosas conversas. Era a longo prazo, mais iamos tomando medidas para lle facer fronte, traballabamos para lles deixar ás futuras xeracións un mundo habitable.

Hoxe é a ameaza dun virus, inimigo invisible o que ten conxelado o planeta, o que nos ten aferrollados nas casas, por temor do contaxio da pandemia, os hospitais están desbordados, as rúas desertas, especialistas con traxes de guerra química coidan dos infectados e o exército patrulla as rúas baleiras. Quen fala hoxe da contaminación do lixo plástico no mar?

En Mar de Fábula xa non limpamos praias; é máis, multaríannos se fósemos. Todas as nosas actividades ambientais están adiadas. O venres 27 tiñamos previsto inaugurar o noso centro de actividades ambientais en Camelle cunha visita importante: a dos cativiños de escola de Camelle, logo os escolares de Camariñas. Todo quedou en suspenso. As máscaras de benvida penduradas na rexa branca do local ollan desconcertadas para un paseo marítimo deserto, á beira dun mar quedo. Ate o aire o está. Estamos agochados, respiramos medo. O mundo ten medo. Cando remate esta guerra universal e resultemos, coa peaxe de moitos mortos, vencedores contra o virus, algo deberemos ter cambiado e aprendido.

Esta sociedade global, con millóns de persoas movéndose dun estremo a outro do mundo, en viaxes prescindibles, desprazamentos de masas de individuos a prezos de saldo a costa de depredar, degradar e consumir os recursos do planeta, algo terá que ver, se non directamente, preparando o caldo de cultivo, para que calquera virus medre ao seu lecer.

Se cadra, ao remate do tránsito deste túnel escuro e incerto, seremos capaces de reaxustar o noso abano de prioridades e valores e aquilo que está preto de nós e non viamos, as persoas, as cousas e a natureza que nos acolle, tomen a dimensión que lles corresponde. Cando remate esta guerra e nos deixen volver ás praias, seguiremos limpando o mar.