María Bardanca: «Penso que ata determinadas idades, as nenas deberían de xogar cos nenos»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A carballesa, que dirixe o filial do Viaxes Amarelle,  non descarta algún día adestrar un equipo sénior masculino

23 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En días nos que as competicións deportivas están paradas, María Varela Bardanca (Carballo, 1972) fai un oco na súa apertada axenda entre traballar como técnica deportiva no Concello de Malpica e adestrar ó Viaxes Amarelle de categoría autonómica para falar da súa traxectoria, do deporte feminino actual e de futuros retos. Quen mellor para ilo que a muller da comarca de Bergantiños que foi pioneira en xogar e destacar a nivel incluso internacional en fútbol sala?

-Como leva estes días?

-Traballo dende a casa, programando actividades para cando todo isto pase e enviando táboas de exercicios doadas, que non precisan de material algún, aos usuarios para que poidan ir facendo na casa. Sobre todo para a xente maior, que xa é á que me dirixo na maioría das clases que imparto, pois seguramente son os que acusan máis a falta de actividade.

-Con só once anos xa ía e viña soa á Coruña para poder xogar cun equipo ó fútbol sala. Enténdese que seus pais a apoiaron na súa paixón.

-Contaba co seu permiso para poder ir adestrar á Coruña, pero ao principio, preferían que non xogase. Sobre todo polos insultos que recibía. Tíñaos que convencer cada certo tempo de que era o que me gustaba e que non facía mal ningún.

-Como levou esa época na que as mulleres non estaban ben vistas neste deporte?

-Inflúeche en moitas cousas na vida como na personalidade. Ao mellor vólveste máis tímida, máis reservada. Por exemplo, eu chegaba á praia e nunca me atrevía a dicir se podía xogar. Eu esperaba a que alguén me chamase. Eu creo que tirei para adiante polo moito que me gustaba. Para min non tiña sentido facer outra cousa. Pero teño que dicir que os meus compañeiros apoiáronme en todo momento e sempre me quixeron con eles.

-Pasou polo Sal Lence de División de Honra, pola primeira selección española absoluta, polo combinado galego… Cando e por que parou de xogar?

-Cando empecei a traballar [ri]. Digamos que co meu traballo, é un pouco incompatible, porque as fins de semana tes que ir cos equipos dos rapaces. Entón, xa os últimos anos, no Meirás de Ferrol, botáballes só unha man xogando os partidos da casa porque estaban nunha situación complicada de descensos.

-Por aquel tempo, aínda unha muller non podía vivir dun deporte como este, claro.

-Eu tiven a sorte de ser das primeiras xogadoras de España que cobrabamos algo, que non daba para vivir, pero bueno. Pero o problema era o futuro. Non podías perder os mellores anos, 5-6, para colocarte profesionalmente e, despois, ir pedir traballo dicindo que anteriormente xogaras ó fútbol sala.

-Quedouse coa espiña cravada de non poder seguir avanzando por ese camiño?

-Si, iso sempre. Aínda non hai moitos anos, chamoume un dos equipos punteiros de España, o Futsi, de Navalcarnero, e non sabía como facer para poder ir, pero profesionalmente, era imposible. Tiven que dicir non outra vez.

-Agora as cousas cambiaron moito. Esta tempada creáronse moitos equipos de fútbol feminino na comarca. Que opina ó respecto?

-A maioría das veces cambiaron para ben, pois agora, calquera nena que queira xogar, ten moitas máis facilidades que antes. Pero tamén penso, e que non se entenda como varrer contra o fútbol feminino senón pola dificultade de conseguir nos municipios pequenos xogadoras e porque a min non me foi nada mal cos nenos [ri], que ata determinadas idades as nenas deberían de xogar cos nenos. Para nós é moi importante porque melloramos en moitas cousas e, á vez, tamén sería socialmente importante que todos nos vexamos iguales e que os nenos tamén nos respecten, porque iso é facer un futuro mellor para o deporte feminino.

-Aquí na zona, e en case todo o mundo, incluso nos propios equipos femininos séniores, as persoas que están sentadas nos banquiños son homes. Non se propón vostede, nalgún día, asumir este reto? O Malpica, da Liga da Costa de fútbol, pensou en vostede este ano, aínda que ben é certo que á metade da tempada.

-É complicado polo que comentei antes, por compaxinalo co traballo. Eu este ano estou no Viaxes Amarelle, pero porque me cadrou que non teño tantos grupos de nenos nin partidos no curro, mais porque é unha categoría a nivel galego, pero en Primeira, por exemplo, non podería. En fútbol, tamén me faría ilusión. O que pasa é que eu son desas persoas ás que lle gusta facer as cousas ben para que os que veñen detrás non paguen o pato de telo feito mal ti. Entón, se ti queres ser a primeira referente en algo, tes que ter tempo. Pero non é algo que descarte, porque encántanme os retos e, ademais, creo que o papel da xente que levamos anos nisto, é ir abrindo portas para os que veñan detrás. O que pasa é que os equipos que están vinculados ó meu Concello non é conveniente que os leve [ri]. Pero animo a calquera muller a dar o paso.