Andrés Queijo: «Metade das cousas que vemos en Internet, ou máis, son mentira»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O enxeñeiro carballés vén de lanzar un portal de busca e contratación de profesionais técnicos

16 mar 2020 . Actualizado a las 08:43 h.

O enxeñeiro de camiños carballés Andrés Queijo é, xunto con Laura vázquez, o promotor do primeiro portal de busca e contratación de profesionais técnicos de construción, arquitectura e enxeñaría. Belanders.es, así se chama o portal, desenvolvido por Hyliacom, serve como escaparate para enxeñeiros e arquitectos.

-En que consiste esta especie de «Amazon da enxeñaría»?

-Belanders.es é o noso pequeno aporte á sociedade para facilitar os trámites técnicos. Funciona como unha plataforma dixital que está englobada na nube, sen software nin aplicacións. Cumprimos a función de nexo. Temos, por un lado, a profesionais da enxeñaría e da arquitectura que crean os seus perfís, que son despois certificados e validados por nós. Por outro lado, contamos con dous perfís de cliente: as empresas, que piden traballos recurrentes como poden ser direccións de obra ou replanteos; ou clientes particulares que precisan, por exemplo, facer unha repartición dunha herdanza. Neste último caso, pode buscar un profesional segundo os filtros que nós lle propoñemos ou ben crear un proxecto e, a través do noso algoritmo de intelixencia artificial, atopar os mellores perfís segundo as súas necesidades.

-E todo iso certificado, sobre todo para evitar intrusismos...

-Claro. Todos sabemos que do que lemos en Internet poderiamos dicir que a metade, ou máis da metade, é mentira. Queremos construír unha comunidade técnica cun gran clima de confianza, e para iso temos que comezar polo principio: adestrando un algoritmo para facer un primeiro filtrado e despois facéndoo nós mesmos, para que non haxa ningunha fisura en todo o proceso.

-Como nace a idea?

-Dende o nacemento de Internet, os consumidores somos impacientes, inquedos, querémolo todo para agora. Eu, que me dedicaba como enxeñeiro á libre profesión, coñecía ben os problemas que podían xurdir tanto do lado do profesional (sacar traballos adiante e, tamén, perder moito tempo captando consumidores) como do cliente (petar a moitas portas pedindo diferentes presupostos). Nós englobamos todo iso a través da plataforma Belanders.es.

-Que xa está funcionando...

-Si, arrancamos a mediados do mes de febreiro, aínda que xa levabamos co proxecto bastante tempo. Por agora estamos en beta, arranxando os erros que nos van mandando os usuarios. Pero nós somos enxeñeiros, pouco sabemos de adestramento de algoritmos, así que nos aliamos cunha empresa de Narón, Hyliacom, que se dedican ao desenvolvemento de software e ao marketing dixital. Comezamos contactando con eles como un proveedor pero agora xa somos compañeiros neste duro camiño.

-Existía algo similar?

-A nivel nacional atopamos algunha cousiña, pero que se dedica sobre todo a reformas (electricistas, albaneis...), pero en canto a trámites técnicos ou proxectos non atopamos nada. A nivel internacional comeza a haber un goteo, pero moi pouquiño, pois están centradas nas reformas, sobre todo.