Verónica Bolón: «Muller e investigadora»

verónica bolón

CARBALLO

ANA GARCIA

En primeira persoa | «Debemos animar ás nosas nenas e nenos a que estuden o que máis lles guste, sen ningún tipo de prexuízo nin estereotipo que poida sesgar a súa opinión e segar as súas ás»

24 nov 2023 . Actualizado a las 19:47 h.

Hai uns meses estaba nun curso de formación e pedíronme que me definira en poucas palabras (dende un punto de vista profesional). A miña resposta foi: muller e investigadora; investigadora e muller.

Pode parecer redundante, xa que o xénero está implícito na palabra investigadora (nestes tempos nos que tratamos de conseguir unha linguaxe máis inclusiva), pero non o é. Sinto a necesidade de recalcar que son unha muller, xa que no meu día a día profesional, son unha muller nun mundo de homes.

Son enxeñeira informática e doutora en Computación. Cando empecei a cursar a carreira, eramos unhas 10 mulleres nunha clase de aproximadamente 100 persoas. E a situación non cambiou moito dende aquela… En 2019, a taxa de mulleres matriculadas en Enxeñería Informática nas universidades españolas foi do 13%, sendo incluso peor que os resultados (xa de por si preocupantes) doutras enxeñerías.

Carreiras tecnolóxicas

Por que as mulleres non nos animamos a cursar certas carreiras tecnolóxicas? Hai varias teorías que explican os motivos desta decisión, entre os que se atopan a falta de confianza das nenas para realizar tarefas complexas ou a falta de referentes femininos no campo. Sexan cales sexan os motivos, a realidade é que estamos perdendo talento feminino. Vivimos nunha sociedade na que a tecnoloxía nos rodea, e queremos que as mulleres tamén sexan protagonistas importantes no seu desenvolvemento, xa que na diversidade está a riqueza. Debemos, polo tanto, animar ás nosas nenas e nenos a que estuden o que máis lles guste, sen ningún tipo de prexuízo nin estereotipo que poida sesgar a súa opinión e cortar as súas ás. Debemos visibilizar o papel da muller en calquera ámbito da sociedade e poñelo en valor. Citando as palabras dunha boa amiga: «É moi difícil querer ser o que non se coñece, é moi difícil querer ser o que non se ve».

A outra palabra que utilicei para definirme foi investigadora. Xa desde pequena era moi observadora e curiosa. Un Nadal, cando tiña 4 anos e estaba na escola infantil, veu a visitarnos Papá Noel. Non tardei en decatarme de que os zapatos de Papá Noel eran, curiosamente, os mesmos que levaba normalmente o meu profesor, Pepe. Máis tarde, aos 5 anos, decidín morder (non con pouca saña) o dedo maimiño da miña irmá de poucos días para comprobar se os bebés sentían dor. Os meus pais pensaron que se trataba de celos (pode que tiveran algo de razón), pero o que eles non sabían era que estaba realizando un dos meus primeiros experimentos científicos. Esta curiosidade acompañoume toda a vida e, despois de acabar a carreira, decidín empezar os estudios de doutoramento para así poder dedicarme a algo que me apaixonaba: a investigación.

E que importante é a investigación para o desenvolvemento dun país! A sociedade non lle dá toda a importancia que merece, pero debemos entender que investir en investigación é xerar riqueza. A investigación é clave para salvar vidas, curar enfermidades e, en definitiva, resolver problemas que afectan a toda a sociedade.

Intelixencia artificial

No meu caso, investigo no campo da Intelixencia Artificial (IA). Estamos sendo testemuñas da revolución dixital, na que os avances en IA están presentes na gran maioría de accións que realizamos de forma cotiá, moitas veces incluso de forma inconsciente. Xa non consultamos mapas en papel, xa non vemos a tele como o facían os nosos pais, xa non conducimos coma antes... As persoas que deseñamos e desenvolvemos algoritmos de IA temos un gran poder, e tamén unha gran responsabilidade coa sociedade. Temos o deber de que os avances que consigamos contribúan a mellorar non só o benestar das persoas, senón tamén a resolver problemas como o son a discriminación de xénero ou de raza.

Nos últimos anos saíron á luz noticias que indicaban como algoritmos de IA eran racistas ou machistas xa que, por exemplo, discriminaban a persoas candidatas a un posto de traballo polo feito de ser mulleres ou pertencer a certas etnias. Foi isto debido a que quen desenvolveu o algoritmo era racista e machista?

A verdade é que non, porque este tipo de algoritmos aprenden a partir dos datos que hai dispoñibles, e non das instrucións que lle da quen o programa. Pero isto non nos exime de buscar datos máis representativos e novos algoritmos que sexan capaces de eliminar os sesgos que se atopan nos datos que producimos cada día e así, pouco a pouco, mellorar a sociedade na que vivimos e facela máis igualitaria. Unha sociedade na que eu non me teña que definir como muller e investigadora, senón como simplemente investigadora.

Curiosamente, aínda que eu me definise como muller e investigadora, a realidade é que a miña profesión é profesora universitaria. Non podo deixar de dicilo porque a ilusión da miña nai era que eu estudara maxisterio para ser mestra. Non lle fixen caso, e estudei unha enxeñería, xa que eu sempre fun «máis de ciencias». Pero a vida dá voltas, ao final todo cobra sentido, e acabei sendo profesora e investigadora e así, ademais do meu, tamén cumprín o soño da miña nai.