Trinta anos do foto-álbum de Ramón Caamaño

La Voz

CARBALLO

Jose Manuel Casal

O Centro de Estudos Fotográficos publicou en 1989 unha compilación da obra do autor muxián

14 mar 2020 . Actualizado a las 17:12 h.

«Esta será a primeira publicación monográfica dedicada a un fotógrafo que viviu toda a súa vida no mundo rural galego, en diversas vilas da Costa da Morte. O seu arquivo podemos dicir que contén medio século de historia desta comarca, tendo, polo tanto, un interese non só fotográfico senón tamén histórico e sociolóxico».

RAMON CAAMAÑO BENTIN

Así introducen Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal o foto-álbum que o Centro de Estudos Fotográficos editou con parte do traballo do muxián Ramón Caamaño hai algo máis de 30 anos. Aló polo 1989 o centro organizaba tamén en Vigo unha exposición temática en homenaxe a un profesional que se introduciu no mundo da fotografía dende ben cativo e tras mercar unha Brownie-Kodak cos seus aforros. «Eu comecei a facer fotos porque vin importante a idea de deixar recordos de todo canto vían os meus ollos», dicía o propio Caamaño, falecido en 2007 aos 98 anos de idade e tras deixar un importantísimo legado de tipo costumista.

RAMON CAAMAÑO BENTIN

Dende o ano 1925, segundo se recolle no foto-libro, comezou a fotografar todo canto lle chamaba a atención, especialmente do mundo mariñeiro: redes, secado de congros, procesións marítimas, embarcacións de vela... Tamén retrataba todo tipo de oficios, como carpinteiros, toneleiros, palilleiras, ou persoal que acudía ás feiras; tamén as manifestacións sociais, como procesións ou peregrinacións.

«As fotografías que toma nos anos trinta presentan, xunto coas tomadas nos anos vinte, unha completa descrición da vida dun pobo mariñeiro nesa época, quedando reflectidas todo tipo de actividades laborais», recolle este volume, no que tamén se cuantifica o seu arquivo fotográfico: unhas 6.000 copias da época e outros 20.000 negativos, aproximadamente.

Ao longo da súa obra, así mesmo, aparece el mesmo en moitas instantánteas, non só polos autorretratos que facía, senón polas fotos en grupo nas que estaba incluído.