Belén do Campo: «Queremos fomentar o compromiso de conservación»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CONCHI PAZ

A directora xeral explica as novidades da normativa, como a creación de novas figuras como a das microreservas

09 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado verán, a Xunta de Galicia daba luz verde á nova Lei de Patrimonio Natural. A normativa, chamada a substituír á Lei de Conservación da Natureza, naceu coa vocación de protexer os valores e elementos naturais que conforman a comunidade. «Unha das primeiras accións que tiñamos que facer era actualizar e modernizar a lei que había, do 2001. Eran xa case 20 anos os que tiña. Fixo un bo papel, pero era necesario incorporar algunhas novidades para seguir garantindo a conservación e para mellorar a restauración do patrimonio natural e a nosa diversidade. E tamén para fomentar a información ao público, con mecanismos de colaboración e de cooperación, para que poida participar a propia sociedade en todas as accións que vaiamos facendo», resume a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo Piñeiro (1963).

-Cales son as principais novidades que aparecen?

-Un dos principais obxectivos que nos marcamos era o de mellorar o coñecemento científico. E para iso queriamos regulalo na propia lei, queríamos facelo sempre en coordinación co tecido universitario de Galicia, que é moi importante, e tamén coas institucións públicas e privadas. Por outro lado, tamén queremos fomentar o máximo compromiso de respecto e conservación do noso entorno por parte das Administracións e tamén da cidadanía en xeral. E, para iso, temos que adoptar medidas de prevención fronte a aspectos que puidesen afectar negativamente. Para iso tamén tiñamos que desenvolver algunhas accións de prevención fronte a aspectos que puidesen afectar negativamente. Tiñamos que elaborar as regulacións precisas en accións sectoriais que se veñen desenvolvendo en Galicia, tanto a nivel agrícola, como industrial ou de turismo. A coordinación entre todos é fundamental. Tamén se deixa clara a prevalencia da protección ambiental sobre o que é a ordenación territorial. Temos que ser cautos ante posibles intervencións que, nun momento dado, poidan afectar negativamente ao patrimonio natural ou á biodiversidade. E para iso temos que ter en conta a prevención dos problemas derivados que poidan vir co cambio climático.

-A lei crea novas figuras. Que carencias cobren?

-Están as microrreservas, dentro do que son as reservas naturais, como unha subcategoría, cunha superficie reducida, para espazos de menos de 20 hectáreas que poidan ter un hábitat raro ou dunha especie ameazada e que temos que declarar nun prazo de tempo determinado. Despois tamén imos substituír o que eran as zonas de especial protección dos valores naturais polo que son os espazos protexidos rede natura 2000. Estes engloban os antigos lugares de interese comunitario e as zonas de especial conservación e de protección de aves. Todo co fin de dotar estes espazos dunha maior protección.

«Reducimos o 20 % da sanción cando o infractor recoñeza a responsabilidade»

  

Do Campo apunta á necesidade de ter uns instrumentos de planificación para todos os espazos. Pero tamén á importancia de simplificar o proceso de catalogación das especies existentes.

-Que contemplan neste aspecto?

-A idea é contar cun listado de especies silvestres en réxime de protección e un catálogo de especies ameazadas para saber claramente cales son as que temos en Galicia, as que están en perigo e cales son vulnerables.

-En canto ao réxime sancionador. Que cambios incorporan?

-Eliminamos as categorías menos graves e pasamos a ter tres. Introducimos unha novidade, a de reducir nun 20 % a sanción cando o infractor recoñece a súa responsabilidade. E, despois, tamén dedicamos unha especial atención a reparar a dano causado e da situación alterada. Vai tamén recollida esa figura para seguir preservando o que había. En Galicia, temos a sorte de ter os seis parques naturais, temos tamén unha superficie moi importante de reserva da biosfera coa que estamos a traballar, da man de moitos concellos. Tamén nunha candidatura na Ribeira Sacra, Serra do Oribio e O Courel que precisamente quixemos poñer este ultimo ano na Feira Internacional de Turismo de Madrid. Queremos apostar por elas, un 25 % do noso territorio está como reserva. E chegarase ao 35 % cando se consiga a última.