«O piar básico para facer cambios a nivel colectivo é a transformación individual»

La Voz

CARBALLO

08 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A concelleira Maica Ures incide na importancia da educación á hora do desenvolvemento da igualdade, algo fundamental para lograr unha transformación, na que a sociedade xoga un papel moi importante.

-En que sentido vai o papel educativo?

-Un exemplo: para nós bordar, é unha tarefa que fan as mulleres. Se imos a Marrocos, os que bordan son os homes. Dependendo do contexto e a sociedade na que vivas, haberá profesións que se entenden de mulleres e de home. Hai que ensinarlle a nenos e nena que todos e todas podemos facer o que queiramos. Ninguén nos ten que dicir nada de como temos que ser, como debemos ser, con quen e como temos que xogar, como temos que vestir... Temos que facer nenos e nenas libres. O piar básico para facer cambios a nivel colectivo é, primeiro, a transformación individual. Sen iso, non pode haber unha transformación colectiva.

-Volvendo ás actividades destes días, as de Carballo chegan ás dúas semanas.

-Quince días é o que aparece no programa, pero son 365 días. Dámoslle máis visibilidade. A xente está máis sensible con determinados temas, con noticias constantes sobre estudos, brecha salarial, coidados... Temos actividades para todos os públicos. E outros como a manifestación de hoxe, que organiza o Círculo e sumámonos. O feminismo ten que ser organizado e unido.

-Dende o seu posto, percibe desigualdade laboral? É algo que se ve no entorno comarcal?

-Claro que existe! É unha realidade. E non só falamos da fenda salarial. Tamén a das pensións, precisamente por esa desigualdade acumulativa. Somos as mulleres as que deixamos de traballar para dar coidado a ascendentes e descendentes. As que reducen a xornada laboral. Como repercute isto? Nos salarios. E a longo prazo, nas pensións. Ao sistema capitalista tampouco lle interesa que sexamos iguais. Pero nin homes, nin mulleres. Enriquecernos a nós vai en detrimento dos demais. Creo que é o propio sistema o que non nos deixa moitas veces. E tamén a sociedade, e a educación que tivemos. As mulleres parimos, vale, é así bioloxicamente, é evidente, pero os fillos teñen un pai e unha nai. E maioritariamente quen colle a baixa por baixa e coidado e reducindo a xornada seguen sendo as mulleres. Ou pedindo as horas para acompañar aos nenos ao centro de saúde. É unha realidade visible.