Os Enjominados de See coróanse reis do entroido da Costa da Morte

La Voz

CARBALLO

JORGE PARRI

A comparsa ceense obtivo varios premios nos certames máis importantes da comarca

04 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiros en Muxía, Camariñas e Dumbría; segundos en Cee; terceiros na Ponte do Porto e cuartos en Cee e Fisterra: o entroido da Costa da Morte ten novos monarcas e eses son Os Enjominados de See. A comparsa ceense, con traxes e espectáculo baseados nas figuras míticas do Camiño de Santiago, lograron bos postos na maioría dos grandes certames de carnaval da Costa da Morte.

Os da charca
Os da charca JORGE PARRI

Tamén as comparsas fisterrás colleitaron destacables éxitos, como o pleno conseguido na casa ou o dobre premio de Os da Charca en Cee, que foron recoñecidos tanto na categoría de carrozas como na de comparsas. Con espectaculares disfraces, non destacan tanto as agrupacións fisterrás polo colorido (que tamén) senón pola espectacularidade das súas actuacións. Ademais dunha retórica e unha retranca non apta para sensibleiros, ata as piruetas tiveron presenza en espectáculos como Os da Charca. Igual de espectaculares estiveron Os Trotamúsicos e Tortugas y Peces, que completan o tridente de comparsas fisterrás.

Os Trotamúsicos
Os Trotamúsicos JORGE PARRI

Da Ponte do Porto saíron tamén varias agrupacións amplamente recoñecidas nos certames da comarca, como O reino fantástico ou As palomitas da Ponte. Xunto a elas, As Costas das Mulleres, unha comparsa de Camariñas que fusionou a tradición, a etnografía e o feminismo, propoñendo un espectáculo reivindicativo e co empoderamento feminino no radar.

O Reino Fantástico
O Reino Fantástico BASILIO BELLO

As Costas das Mulleres
As Costas das Mulleres BASILIO BELLO

Chea de humor estivo a proposta de Vilaño dá a campanada, pois recolleron con sorna algúns dos elementos máis característicos da noitevella: Cristina Pedroche e os seus arriscados traxes, Gayoso, o cava, as uvas, as avoas que festexan dende o sofá e ata unha torre de reloxo estiveron presentes.

Vilaño dá a campanada
Vilaño dá a campanada BASILIO BELLO

Dende Vimianzo, e igualmente espectaculares, participaron A arca de Noé e A través da pupila, da asociación Trubisquiña, que mesturou unha estética feminista cunha mensaxe ecoloxista.