Cando as vacas enfermaban

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

02 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas veces, cando vexo na televisión pandemias como a do coronavirus, se cadra algo demagóxicas e dramatizadas, rememoro outras enfermidades que asolagaron o país noutros tempos, parecera que noutras vidas. Dende a gripe aviar no 2009 ata o ébola hai relativamente pouco coñecemos de preto a histeria das epidemias. A min véñenme outros recordos, importados da memoria colectiva e propia. Penso nos anos en Galicia da tuberculose, ou das vacas tolas despois. Aínda hai recortes de xornal que atesouran algúns onde se fala dos veciños de Mesía en Noitevella, concentrados á entrada dunha mina para protestar contra o enterro masivo de vacas falecidas alí.

Eran anos convulsos, de descoñecemento e de medo. As probas de saneamento eran decisivas para saber se ían expedir a carta verde ou se as vacas Pintas, Gallardas ou Marelas subirían a un camión para nunca volveren. A loxística do Estado mudou neses anos de maneira drástica, había que localizar os focos e estabamos moi atrasados con respecto a outros países. Mudaron os protocolos nos matadoiros, implantáronse controis rigorosos de calidade e prescindiuse de certas partes do animal como o espiñazo cando superaban a idade dun ano. O risco era enorme: o mal das vacas tolas era transmisible ao ser humano, e con consecuencias fatais.

Cando se fala da morte progresiva do rural habería que evocar a recesión que provocaron estas enfermidades, tan mal xestionadas ao comezo, que causaron o peche de tantas gandarías. Curiosamente, os gobernos continúan loitando contra algunhas zoonoses como a lingua azul, por exemplo. Unicamente ocorre que son loitas silenciosas.