«Chegaremos ás 210 vivendas con compostaxe doméstico»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

Nesta edición, o Concello repartirá 70 composteiros entre os veciños implicados no programa municipal

17 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa Ecovoz trasladouse esta semana ata Ordes para falar co seu alcalde, José Luis Martínez, e así coñecer en detalle o programa de compostaxe doméstico que desenvolven no municipio. «Xa levamos varios anos con esta iniciativa. Este ano preparamos unha nova entrega de 70 composteiros para os veciños co que completaremos máis de 210 a disposición doutras tantas familias do noso municipio», apunta.

-Que se fixo ata o momento?

-En virtude das peticións que se van facendo por parte da veciñanza, poñémonos en contacto con Sogama que ten a ben facilitar os composteiros. Iso é o primeiro que temos que agradecer desde a Administración municipal. Desde a concellería encárganse de facer o seguimento dos composteiros e de visitar as familias. A nosa concelleira é unha desas usuarias do programa. Ela tamén o leva a cabo na súa vivenda na parroquia do Poulo.

-E de que maneira proceden?

-Faise a charla informativa para a veciñanza, ensinándolles como hai que montar o composteiro e, a continuación, váiselles facendo un seguimento. De vez en cando, como temos a relación de todos e cada un dos titulares do mesmo, a concelleira achégase por alí e comproba que se está facendo un bo uso e pregunta pola produtividade. O que me consta é que os veciños están contentos cos beneficios, aínda que o proceso é lento. Esa materia non xera un canon, así que os beneficios van para todos.

-Que están atopando nos domicilios que visitan?

-Que fan un uso axeitado. Preocúpanse de ter o composteiro ben. É importante abrilo para que se airee e para que se descompoñan todos os restos que alí se van introducindo, ben sexan de poda, herba de céspede... Ao preguntárselles polo proceso están dicindo que é longo, pero moi útil. O obxectivo é que sexa o máis produtivo posible. Ao final, o que conseguen é como un regalo. Un abono, por exemplo, para poñer en pequenas hortas que poden ter. Tendo en conta a boa acollida das campañas anteriores, e que Sogama ve que aquí en Ordes unha referente en compostaxe doméstica, imos chegar a esa cifra dos 200 domicilios.

-Como están respondendo os veciños?

-Están moi agradecidos de que se lles dese a posibilidade de contar con estes composteiros. Algúns, sobre todo os primeiros, fóronse estragando co paso do tempo e xa están pedindo outros. Trátase de seguir igual de contentos e de darlle produtividade e utilidade. Tan pronto se lanza o anuncio nas redes sociais de que vai haber reparto hai avalancha de peticións. A intención inicial eran 50, como viña sendo habitual, pero se hai máis peticións Sogama sempre atende a totalidade e así vai ser este ano tamén. Superouse amplamente a previsión e imos entregar 70 con total seguridade. O boca a boca vai funcionando, están contentos cos composteiros. Estou seguro de que uns ven o que fan os outros e ao final é aforro para todos, tamén para nós. Sogama contentos con nós e nós con Sogama.

-Que previsións de futuro manexa?

-Seguiremos, mentres haxa solicitudes e veciños que se interese e teñamos a dispoñibilidade de ter composteiros. Oxalá puidésemos chegar a todas as vivendas que teñen xardín e oxalá, en dous ou tres anos, poidamos dicir que esta cantidade de 215 incluso se poida duplicar e falemos de 300 ou 400 composteiros aquí no noso municipio.

-Fala con orgullo sobre o lugar que ocupa Ordes no ámbito medioambiental.

-Traballamos moito nesa liña. Estamos falando do programa de compostaxe, pero tamén lanzamos outras campañas de cara a veciñanza. Agora mesmo estamos con ese Entre todos podemos conseguir un Ordes máis limpo. E pedimos, especialmente, que teñan coidado coas cabichas, que non se tiren nos sumidoiros nin na rúa. Para a xente que ten cans, que teña conciencia de que ten que recoller os restos cando os sacan ao exterior. E despois tamén estamos explicando claramente os puntos da reciclaxe: o que ten que ir ao contedor do orgánico, ao amarelo, ó azul ou a necesidade de separar perfectamente os brik, lembrar a todo o mundo para que o papel acabe sempre no azul... Por último, tamén estamos, da man da Xunta de Galicia, traballando xa na compostaxe a nivel vila. Temos aquí xa máis de cen contedores marróns para introducir a quinta liña. Na próxima licitación do contrato do lixo xa imos contará con ela.

«Hai avalancha de peticións de composteiros e Sogama sempre as atende todas»