«A Xabier Díaz gusteille no cantar e xa non se esqueceu máis»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

Consuelo, de 85 anos, garda na súa memoria ducias de pezas tradicionais

27 sep 2022 . Actualizado a las 20:35 h.

«A cantar aprendeume o meu paíño. Moi ben o facía... Cando cantaba, todos lle levantaban as mans». O patrimonio musical e folclórico que atesoura Consuelo Vázquez na súa mente é tal, que moitos compiladores xa se teñen achegado a ela para gravala e recoller as ducias de coplas e pezas tradicionais que sabe de memoria. En agosto cumprirá 86 anos, máis unha vez que arranca o seu recital, non hai quen a supere.

Consuelo, de Berdillo (Carballo), é a musa que inspirou ao músico Xabier Díaz no seu último tema No salón das cereixas, anticipo do que será o seu novo disco xunto coas Adufeiras de Salitre. Xabier coñeceu á carballesa «no ano 94 ou 95, no baile dos maiores», e no 2011 desprazaríase ata Berdillo para facerlle unhas gravacións: «Gusteille no cantar e xa non se esqueceu máis», chancea ela. «Agora, cando me puxen a traballar para facer os temas deste disco novo sempre me acordei do pasodobre tan bonito que me cantara Consuelo», engade Díaz, que este mércores se achegou ata a parroquia carballesa para compartir unhas pezas coa súa inspiradora.

Se queres que a auga corra bótalle unha ligoñada. Se queres que o amor veña mándalle carta cerrada. Ai mandilín, ai mandilón! Vente comigo a bailar ao salón. Ao salón si, ao salón non; ai mandilín, mandilín, mandilón.

Así é a peza que Díaz reconverteu no seu novo single, co que obtivo 35.000 visualizacións nun só día e en cuxo videoclip recreou unha auténtica foliada desas das que Consuelo tanto lle ten falado, as que tiñan lugar á noitiña onde hoxe se sitúa a escola unitaria de Berdillo. «Alí, onda a cereixeira, faciamos o baile. Colgabamos un candil -ou dous, se facía falla- e danzabamos toda a noite ao son das pandeiretas, aínda que algunha vez tamén había gaita galega», conta a protagonista. Ata alí desprazábase xente de toda a comarca, pero Consuelo lembra especialmente a unha veciña de Bértoa: «Esa muller viña cantando todo o camiño e escoitábaselle xa dende aquí».

De xeracións

A música é algo que a esta carballesa lle vén de sangue. Se seu pai foi quen lle ensinou a cantar, tamén a súa nai o facía de cando en vez, aínda que en baixiño, mentres botaba horas na máquina de coser para manter aos seus sete fillos. «E eu ensineille a todos cantos quixeron [fillos e netos]. A min tanto me gusta bailar, como tocar ou cantar. Sabe Deus as coplas que sabería eu de memoria, e nunca quedei sen voz!», reflexiona a carballesa. Durante a conversa son varios os momentos nos que bota unhas pezas con Díaz. «Cando comeza xa non hai quen a pare», di o músico.

Ana Garcia

Superación

Cando era nova, Consuelo acompañaba ao seu pai a por mercancía para vender nas feiras ás que acudían. Ata Visantoña teñen ido, erguéndose ás cinco da mañá de ser preciso. Tras casar, viviu durante un tempo en Zaragoza e tamén en Tarragona. Lonxe dos seus e coas fillas maiores en Berdillo durante a súa primeira etapa fóra da comunidade. Alí tivo un bar e logrou sacar o carné de conducir, a pesar de non saber ler nin escribir: «Nunca fun á escola», di, «pero moito teño traballado nesta vida».

Por un tempo conduciu un vello 600 -unha «chica yeyé», chancea Díaz- e despois, unha vez volveu a Galicia, comezou co seu negocio de venda de queixos. De aí o alcume polo que moitos a coñecen a día de hoxe, Consuelo dos queixos. «Ou Consoladora dos aflixidos», di a carballesa entre risas.

Díaz dille que ese «Consuelo dos queixos» é un bo nome artístico, e ela resposta asegurando que seguirá colaborando e compartindo o seu saber con el «ata que morra». Unha forte aperta sela ese compromiso e, aquilo que a música uniu, que nin o home nin os anos o separen.