O tema inspirado en Berdillo que deu a Xabier Díaz 35.000 visitas nun só día

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O músico inspirouse no relato dunha carballesa para o seu tema «No salón das cereixas», que lanzou o mércores

07 feb 2020 . Actualizado a las 13:06 h.

«As noites de Berdillo eran noites de cereixas. Onde hoxe hai unha escola unitaria, noutrora había unha cereixeira. Ao pé da árbore e coa luz dun candil, bailaban e cantaban. Aquel era o seu salón de baile». Deste xeito presenta o seu novo tema o músico galego Xabier Díaz, No salón das cereixas, anticipo do que será o seu novo disco xunto coas Adufeiras de Salitre. Lanzado o mércores en tódalas plataformas dixitais, o vídeo superou as 35.000 visualizacións en Facebook en apenas 24 horas; subindo a 42.000 ao peche desta edición.

Este primeiro adianto é un pasodobre que homenaxea ás nais e avoas «que conservaron a lírica e a música popular», segundo Díaz, que se inspirou no relato dunha veciña de Berdillo, Carballo, para a súa composición.

Consuelo dos Queixos, así a presenta o músico, faloulle longo e tendido desas noites de foliada e moceo á luz do candil. «Viñan os mozos e botábamos na foliada toda a noite, ata que marchaban. Non faciamos outra cousa máis que cantar», di a carballesa. «Colliamos un candil -ou dous, se facía falta- e enganchabámolo a unha pola da cerdeira. Tamén viña xente maior cantar e bailar connosco», engade Consuelo nunha peza audiovisual feita pública polo músico.

Rostros coñecidos

Para o videoclip que acompaña o tema musical o equipo de Díaz recreou un auténtico salón de baile en semellanza daqueles espazos nos que os mozos de Berdillo bailaban ata os primeiros raios do día. Entre os bailadores, ademais das Adufeiras de Salitre, algún que outro rostro ben recoñecible, como é o de Xosé Antonio Touriñán ou o dos xornalistas Tati Moyano e Alfonso Hermida, que comparten o pasodobre con danzantes de tódalas idades.

Terra fértil

Xabier Díaz é xa un habitual da Costa da Morte. Ademais de actuar en festivais como a Carballeira de Zas, o Asalto ao Castelo ou o Festifolk Costa da Morte ?xunto con concertos puntuais, como o que ofreceu en setembro en Cerceda- Díaz ten percorrido a comarca na busca de temas que recuperar e salvar do esquecemento. Xa ten dito o músico en moitas ocasións que a Costa da Morte é unha «terra fértil» en folclore, e puido comprobalo de primeira man na súa etapa de profesor de baile na asociación cultural Adro, por exemplo.

Con No salón das cereixas, abre este reputado músico o camiño para o seu seguinte traballo discográfico, As catedrais silenciadas, que sairá á luz o vindeiro 13 de marzo e no que estará acompañado, como xa vén sendo habitual, polas voces e percusións das Adufeiras de Salitre.