Estou feita de centos de libros

Belén Edreira

CARBALLO

BASILIO BELLO

EN PRIMEIRA PERSOA | «Hoxe, xa con 42 anos, perdín a conta de tódalas historias que pasaron polas miñas mans. Nos libros atopei refuxio», escribe Belén Edreira

26 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Herdei de meu pai o temperamento e a paixón pola lectura; e de miña nai, o sorriso e a paixón pola música, só que eu eleveino todo á máxima potencia.

Son unha apaixonada da literatura e da música, pero tamén do cine, do teatro, da pintura... Da arte en xeral, en tódalas súas formas. Amo a choiva e o mar de Razo, fascínanme os gatos e morro pola miña filla. Pero se tivese que definirme nunha soa frase, sen dúbida algunha sería, que eu estou feita de libros, de centos de libros!

Xa de cativa, antes de aprender a ler, gozaba vendo as ilustracións, imaxinando as historias e pegando o nariz ás follas para gozar de aquel cheiriño a papel e tinta que tan ben me facía sentir, así que aprender a ler foi para min todo un acontecemento, e xa non deixei de facelo dende entón.

Aos oito anos tiven un mestre chamado «Don Perfecto», que nos lía cada día un capítulo do Quixote (na súa versión infantil) coa súa voz grave e unha forma de interpretar os diálogos que fixo que me namorase por completo da literatura, pois entendín que nos libros se agochaban milleiros de vidas, de aventuras e de novos mundos por descubrir. Foi el quen me falou da biblioteca municipal e me animou a visitala (o certo é que a tiña diante da miña casa e non sabía dela) e así foi como comecei a ir cada tarde para perderme un anaco entre aqueles estantes cheos de soños e aprendizaxes. Uns días despois da miña primeira visita, entregáronme o meu carné de socia e sentín que estaba recibindo as chaves do paraíso. A partir de aí non lembro un só día da miña vida sen libros... Hoxe, xa con 42 anos, perdín a conta de tódalas historias que pasaron polas miñas mans, libros de tódolos xéneros e autores de distintas nacionalidades, porque son lectora curiosa e procuro non deixarme nada sen explorar, polo que podo dicir que a literatura forma parte de min, do que son e de quen son. Nos libros atopei sempre refuxio, foron tamén a miña universidade e incluso a miña salvación máis dunha vez.

Non rematei os meus estudos, algo que sempre me pesou e que non descarto facer aínda, a pesar da miña idade, pero traballei durante case vinte anos na hostalaría e sempre digo que iso debera convalidarme a carreira de psicoloxía, ninguén me quere crer... Pero, en serio que non hai libros que ensinen tanto coma a barra dun bar!

Fran Rodríguez sabe moito disto, que por certo, con el comecei a miña carreira hostaleira, pois era o meu encargado na xa desaparecida discoteca Week-End, bos tempos aqueles!

A aventura das redes

Agora hai uns seis anos que me retirei do mundo taberneiro, porque me resultaba moi complicado conciliar a vida familiar coa laboral, e aí foi cando decidín utilizar as redes sociais para compartir a miña paixón pola lectura.

Comecei abrindo un grupo literario en Facebook no que poder interactuar con outros lectores. Ese grupo medrou rápido, entraron escritores tamén, e as recomendacións de lector a lector crearon unha comunidade marabillosa. Organicei alí moitas lecturas conxuntas, moderei os debates e case sempre cos propios autores participando neles, incluso cheguei a facer unha conxunta solidaria online pero fóra do grupo, para que participase máis xente.

Antonio Reina, un autor andaluz magnífico, ofreceuse a doar todo o que se recadase coas vendas do libro dixital (durante os días que estivese aberto o prazo de inscrición) a algunha asociación, e despois de poñernos en contacto con varias, fixémolo colaborando con Isabel Gemio, que axudou a difundilo a través do seu programa, e aquela lectura aportou o seu gran de area para a investigación de enfermidades raras da súa fundación. Foi unha experiencia moi gratificante.

Co tempo decidín abrir o blog e a páxina («Diario de una bibliópata»), de feito cumpren dous anos este mes; e a súa finalidade era a de ter un lugar no que poder organizar e gardar tódalas miñas reseñas e poder facer outras cousas sabendo que chegarían a máis xente, sen estar sempre limitada ao grupo. Foi un acerto total, porque o blog trouxo consigo as colaboracións con editoriais, colaboracións directas con escritores, invitacións a presentacións de libros... De feito, en dúas ocasións incluso pedíndome que fose eu a presentadora do evento, cousa que fixen de mil amores. En ambos casos, os autores viñeron adrede a Carballo: Lorena Escudero, dende Alicante e Francis Novoa, dende Madrid.

Empezaron a chegarme tamén invitacións a congresos literarios, a proposta para coordinar o club de lectura do Casino, peticións para facer de lectora cero para varios autores (iso é cando che piden que leas o seu traballo antes de publicalo, para que deas a túa opinión e suxiras cambios se así o consideras)... E así foi como pouco a pouco Belén Edreira comezou a ser un nome soado nos grupos literarios de Facebook, a saír nos agradecementos de moitísimos libros publicados e incluso na faixa dun poemario!

Despois chegou algo que nin esperaba nin chegara sequera a imaxinar, que foi a oportunidade de ter unha sección literaria no programa Voces de Bergantiños, e levo ano e medio falando de libros en RadioVoz! Iso fixo que o meu nome comezase a soar tamén fóra das redes, polo que estou encantadísima, vaia.

Aínda que, en realidade, a miña idea é chegar a monetizar o blog e poder vivir da miña paixón, un soño un tanto complicado, pero soñar é gratis e eu son das que non perden a esperanza nin deixan de loitar polo que queren, sobre todo cando é algo no que creo e no que sei que son boa.

Uns apuntes biográficos

Carballesa (1977); actualmente dependenta nunha céntrica libraría da localidade, aínda que traballou no mundo da hostalaría durante dous decenios. Trasladou á rede a súa paixón pola lectura e administra, dende hai dous anos, o blog «Diario de una bibliópata», así como as redes sociais vinculadas a este proxecto dixital. Coordina o Clube de Lectura do Casino e colabora semanalmente en Radio Voz Bergantiños coa súa propia sección: «Voces literarias», cada mércores, ás 11 da mañá, en «Voces de Bergantiños».