«Gústame mariscar, debo ser masoquista, porque coa ostra matámonos a traballar»

Lucía Rey
lucía rey O VICEDO / LA VOZ

CARBALLO

PEPA LOSADA

Viviu tempos de cartos negros, outros de moitas axudas e os actuais nos que non lles dan «nada»

25 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que picalas, sacalas da roca, separalas, metelas nos sacos, carretalas monte arriba por un desnivel que roza o 80 % antes de que suba a marea, subilas no coche que as leva á Confraría do Vicedo, pesalas, levalas no carriño isotermo ata a lonxa de Celeiro -ás veces en dúas viaxes-, descargalas e cargalas para que as leven para Cambados. Así se resume o laborioso proceso de extracción da ostra, que completan unha media de sete días ao mes os sete mariscadores (seis mulleres e un home) que quedan no Vicedo. A presidenta da asociación que as agrupa, Marisol Martínez Río, expresa ben o que senten. «Gústanos ir mariscar, debemos ser masoquistas, porque coa ostra matámonos a traballar, pero gústanos vir cansadas, gañar os cartos, e divertímonos contando anécdotas», sorrí.

-Pódese vivir do marisqueo agora mesmo no Vicedo?

-As que quedamos oscilamos entre os 58 anos que teño eu, que son a máis nova das mulleres, e os 61; e o máis novo é un rapaz de 35. Levamos moito tempo aí, cotizando, e estamos a ver se terminamos, se damos feito, porque o marisqueo dá para pagar o seguro e pouco máis. E menos mal que cando desapareceu a coquina nos saíu a ostra por varios sitios, porque senón non sei como iamos facer. Agora aquí o marisqueo non dá para vivir, nin de broma.

-Vostede comezou nos oitenta, e viviu anos de vacas gordas e de vacas fracas...

-Daquela ía todo o mundo. O que non tiña un traballo noutro sitio ou nunha empresa ía mariscar, amas de casa máis ben, porque non era obrigatorio cotizar e era un bo complemento en negro. Moitos mariñeiros, por exemplo, antes ían ao mar e logo á coquina. Daquela había menos medios, porque hoxe estamos equipadas con botas de neopreno e traxes de auga que non te deixan ter frío. Hoxe temos a nosa seguridade social, a nosa baixa. Hai 20 ou 25 anos daban subvencións para todo, pero hoxe en día diso non hai nada. Non nos dan «na-da». O isotermo non pasaba a ITV e tivemos que comprar un nosoutras: 6.000 euros. E ata as bolsas de rede temos que pagar. Mil válennos 250 euros.

Marisol Martínez Río naceu en Ortigueira no 1962, pero vive no Vicedo desde que casou. Ama de casa e nai de dous fillos, comezou a mariscar hai case 30 anos animada por unha cuñada, Faustina Solloso (falecida), que presidiu a Confraría do Vicedo. «Sabía moverse moito e pedir a quen tiña que pedir, aos políticos», recoñece.

«Así que nos retiremos as que estamos, creo que o marisqueo a pé no Vicedo acaba»

Ningún dos fillos de Marisol Martínez -un é médico e o outro é policía nacional- relevará a súa nai nas praias collendo marisco. «Isto vaise acabar, porque a xente non quere isto. Non hai perspectivas de que chegue ninguén. Xente nova non vai entrar, porque se veñen un día ao traballo que temos nós a maioría non volve outro. Non sei o que vai facer o rapaz, que é máis novo, se vai seguir ou non, pero penso que así que nos retiremos as mulleres que estamos creo que o marisqueo a pé no Vicedo acaba», expón a muller.

«Recordo o contentas que viñamos pola praia cando pillabamos a taxa de coquina en 2 horas»

-Cal é o mellor recordo que ten destas tres décadas mariscando?

-Houbo unha tempada con moita coquina. Iamos case de noite para a punta da Barra, en Arealonga, nunhas mareas grandes, que baixaba o mar cento e pico metros. E recordo o contentas que viñamos pola praia porque pillabas a taxa en dúas horas e sabías que traías uns cartiños para a casa. Creo que eran cinco quilos, e chegáronas a pagar a 42 euros o quilo. Falamos moitas veces da alegría que tiñamos daquela.

-Pero a coquina desapareceu...

-Ultimamente colliamos un cuarto de quilo, e logo deixamos de ir. Haberá un ano un día fomos ao Lombo das Navallas, en Arealonga, e non encontramos a primeira, nin pequena nin grande. Este ano fomos un pouco á ameixa xapónica, pero só cinco ou seis días, porque temos moi pouca e morreu, e un par de días á fina antes do Nadal, porque tamén temos pouca e as mareas non axudaron.