Toño Casais, tras sufrir unha grave caída e estar catro meses de baixa: «O corpo dun actor ten que estar ao 100 %»

Fran Rodríguez / M. L. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

O ceense ceense xa está de volta nos escenarios con varios espectáculos de Talía, tras catro meses de baixa médica

23 ene 2020 . Actualizado a las 17:04 h.

«Felices de que esteas de volta, compañeiro!». Así deu Talía Teatro a benvida ao ceense Toño Casais (1976) tras catro meses de baixa médica despois de sufrir unha grave caída en Muxía mentres montaba o escenario para unha representación. Xa recuperado, falou en RadioVoz Bergantiños da súa volta aos escenarios:

-Recuperado xa ao 100 %?

-Ao 100 % é difícil. Pensemos nos futbolistas: cando saen dunha lesión ou dunha baixa, hai que ir collendo o ton e afacéndose de novo ao traballo. Pero imos moi ben.

-Estes días xa tivo moita actividade sobre as táboas. Mesmo unha dobre sesión.

-Foi chegar e encher! [ri] Tamén é unha forma de probarme a min mesmo. Levo xa uns días incorporado á compañía e estivemos ensaiando os espectáculos Bicos con lingua e Pelos na lingua, que xa levábamos un tempo sen facelos. Foron moi boas sensacións; moito traballo, pero moi boas sensacións ao final.

-O traballo físico que se lle require a un actor ás veces non é de todo valorado. E hai papeis que teñen unha carga importante de xestualidade e esforzo corporal.

-No caso destas dúas obras das que falaba anteriormente non tanto, pero esta fin de semana estaremos en Santiago con Vida de cans, unha peza que estou seguro que me pasará máis factura, pois require dun traballo físico moi importante. Un actor enfróntase cada día a un labor totalmente distinto, e o corpo ten que estar sempre ao 100 %.

-Precisamente en «Vida de cans» o estivo substituíndo Rubén Prieto, coñecido actor da comarca, mesmo televisivo.

-Exacto. Rubén fixo un «traballón» dende o minuto un na obra, implicouse moitísimo e fixo un Lupo extraordinario. A ver agora, que me toca a min de novo, se non me comparan moito [ri].

-Poderemos gozar das representacións de Talía pola comarca proximamente?

-O venres 7 e o sábado 8 de febreiro estaremos con Vida de cans no teatro Rosalía da Coruña; e o domingo 9 andaremos polo Pazo da Cultura de Carballo con Lambetadas, que é o espectáculo máis recente que temos. É unha proposta infantil moi bonita. Eu non estou, pero María e Diego fan un traballo extraordinario. É, ademais, a primeira vez que contamos con Santi Cortegoso como director, que fixo un traballo extraordinario. Estrearon en Rianxo, así que aproveitarei a función de Carballo para levar ás miñas nenas a ver a obra, que aínda non a viron! [ri]

-Unha proposta infantil, pero tamén apta para pais, non?

-Si, por suposto. Os nenos non veñen sós ao teatro, co cal hai que «lanzar recados» a todo o público que tes na sala. Por suposto é unha peza infantil, pero hai moitos elementos que fan cómplices aos pais, para que así tamén, ao saír do teatro, se xere unha conversa entre os cativos e os proxenitores.

-Que non se ofenda o lector pero... Moita merda!

-Grazas! [ri] É un costume que se lle adoita dicir aos artistas, pero xa empeza a haber algunha xente á que non lle gusta de todo esta expresión [ri].