Lemos: «Estou moi contento coa actitude e compromiso do grupo, a verdade»

Fran Rodríguez / M. R. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O adestrador do Bergantiños valora a semana que leva nas Eiroas e o novo rival que teñen por diante, o Arenteiro, a domicilio

25 ene 2020 . Actualizado a las 21:09 h.

Non tivo o mellor inicio José Luís Lemos no banco do Bergantiños. Tamén é certo que o Ourense CF era o segundo rival máis complicado que lle podía tocar. Os carballeses perderon por 0-3 na casa. Unha semana despois de chegar ás Eiroas, o santiagués valora como está o equipo e comenta o novo rival que teñen por diante, o Arenteiro, da zona media da clasificación na Terceira Nacional.

-Como se atopa este novo Bergantiños?

-Eu atopeime cun grupo que está traballando francamente ben. Certo é que iso non se está vendo reflectido nos partidos de cada domingo, pero a nivel de actitude e compromiso estou moi contento, a verdade.

-Como ve a situación do equipo a estas alturas de campionato? É para preocuparse?

-Máis que para preocuparse é para ocuparse, para buscar solucións para saír deses postos de abaixo canto antes mellor, porque vas traballar moito mellor así. O que pasa é que o partido do domingo pasado, sen ser unha escusa, é moi difícil de analizar. É certo que comezamos cun erro grave que nos supuxo o 0-1 no minuto 1, pero tamén no 6, non é un erro noso senón un acerto espectacular do rival cun golazo por toda a escuadra. Así é moi difícil atopar o gol en cinco minutos. É moi importante para o equipo aprender a convivir con este tipo de mazazos e superalos, porque nesta situación todo é máis delicado. É moi importante ser fortes a nivel mental para superar esta situación.

-Ten vostede un traballo case máis psicolóxico que puramente técnico?

-Creo que é un pouco de todo. É certo que o aspecto mental é fundamental sobre todo cando non estás preparado nin feito para pelexar onde estás, pero tamén hai unha parte importante de aspectos futbolísticos. Moitas veces a cabeza non vai ben porque non es capaz de arranxar situacións no terreo de xogo que son puramente de fútbol. Entón, vai moi ligada unha cousa coa outra.

-O Bergantiños volveu caer aos postos de descenso, se ben é certo que ten 20 puntos, tan só cinco menos que o rival ao que se enfrontará este domingo ás 16.30 horas no Espiñedo, e que ocupa a décima posición na táboa. Unha vitoria, dependendo dos demais resultados, poñeríaos moi preto da zona media.

-Isto non está perdido. Hai 18 partidos por diante, estamos falando de 54 puntos, e está claro que ti queres saír de aí canto antes. Máis que botar unha conta exacta do que pasaría se gañas, o que tes que facer é gañar, porque cando gañas está claro que vai haber resultados que che van beneficiar e que vas medrar na clasificación. E unha vez que gañes, o primeiro que tes que pensar é en gañar o seguinte, e así, pouco a pouco, ir escalando na clasificación. Non podes pensar máis alá diso, ou eu, polo menos, non o fago. Miro a clasificación, pero sei onde estamos case sen mirala. E o importante é sumar de tres en tres para ir subindo postos.

-Sobre o próximo partido: as diferenzas son mínimas co rival, cando menos na clasificación.

-Foi un equipo que vin en Carballo na segunda xornada de liga; un conxunto que xoga con defensa de 5, que ten bo trato do balón do medio do campo cara adiante, e con bos futbolistas como Javi Rey, sobre todo na mediapunta. Vén de gañar 0-2 fóra, pero estaba tendo moitas dificultades para gañar partidos. Coñezo perfectamente ao seu adestrador [Rogelio Gómez], somos case amigos, e sei que é un encontro importante, que pode ser un punto de inflexión o de gañar fóra e recortar a un rival que parece que está moi lonxe dos postos de descenso, pero que ao estar todo tan apertado o podes meter aí.