Emotivo reencontro


A cidade de A Coruña, homenaxeou ao compositor máis importante de Galicia, Rogelio Groba e Groba, con motivo de cumprir 90 anos. Por fin puiden darlle unha aperta, despois de 35 anos. Chovía a xerros cando nos abrazamos baixo os soportais do Teatro Colón este pasado sábado. E, de súpeto, xurdiron como as flores no maio, as anécdotas no vello conservatorio entre a Palloza e Catro Camiños onde tiven a sorte de ser seu alumno durante nove anos.

O seu sempiterno sorriso fíxome voar á década dos oitenta, e el, o meirande compositor: 720 obras que suman máis de 100 horas en música galega, sempre falando castelán, algo que nunca entendín e que lle teño dito con toda confianza, pero dentro dun respecto. Viñera unha vez ao noso pobo e logo o meu nome para el, era: Corme.

Canta herdanza e legado nos deixa, mestre. Vostede pasou a vida ao pé do enorme atril e sen tomar o sol nin dar unhas camiñadas. Logo, a dirección do conservatorio, da banda municipal, da orquestra sinfónica e da coral El Eco. Esa noite non durmín, matinando cantos millóns sumarán as corcheas saídas da súa pluma vermella. A pluma? E a nós na primeira clase de harmonía: «Traigan papel pautado, lápiz y mucha goma de borrar, sobre todo…, mucha goma de borrar».

Mais o tempo non borra aquelas mañás de exames. Entro para 5º. de solfexo, e cal a miña sorpresa?: vostede e a profesora, a señora. Goicoechea, que, se grande era no piano, mellor aínda como persoa. No encerado, 8 compases manuscritos, solo 8, pero en 7 claves e 3 minutos para ollalo mentres vostedes parlaban e sorrían. Malia isto, a sorte estaba do meu lado por coñecer a súa obra: unha frase de muiñeira que tamén me fixo sorrir para os meus adentros. E chegaría o exame de 4º. de harmonía. Tres días pechado e co bocata para xantar na mesma aula. Nunca vin que as horas me voaran tan axiña.

A chuvia non cesaba antes de entrar ao concerto da orquestra de cámara galega, maxistralmente dirixida polo seu fillo, e aínda tiven tempo de lembrarlle aquela noite fría de inverno na igrexa parroquial de Carballo, onde vostede dirixía a orquestra municipal e estreaba a súa última obra: «Aires gulaneses», dedicada á súa parroquia de Guláns (Ponteareas). Ao final, unhas cuncas de ribeiro no bar de enfronte, O Mexillón, onde me pediu o meu parecer sobre a obra: «El fondo ideal para una película de Valle Inclán, maestro», contesteille. E sentiuse feliz. Pero a nova que máis lle fixo sorrir, foi dicirlle que levaba 16 anos dirixindo a banda Eduardo Pondal, dirección para a que el me propuxera cando se fundou.

Abriron as portas do Colón, e collino forte do brazo para pasar os mollados chanzos. Xa no palco, esperábao o presidente da Xunta para estar ao seu lado. Eu, no palco de enfronte, non sei se mirei para o seu fillo dirixindo, ou máis tempo para vostede.

Grazas, mestre Groba, polas súas ensinanzas, as que meu pai, o primeiro mestre da miña vida, non puido completar, mais iso si, el, deixoume o seu nome de por vida: Suso de Basilio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Emotivo reencontro