Pin parental

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

20 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A censura habita en todo aquilo que sendo un dereito se quere violentar, prohibir. Para min censura é que queiran prohibir os contos dos irmáns Grimm polos roles de xénero. Tamén é o pin parental, un nome moi logrado, para encubrir o mesmo tipo de coartación.

Ás veces esquécesenos unha verdade irrefutable. Os nenos son tremendamente intelixentes, cuestionan todo, son incisivos, sinceros e sobre todo críticos. Queremos protexelos tanto, censuralos, quitarlle a liberdade propia de formaren a súa perspectiva do mundo dende a sinxeleza coa que os dota a infancia máis precoz. Vivimos na era máis diversa da historia, con incluso colexios rurais onde hai nenos negros, chineses ou doutras culturas como a árabe. Non obstante, moitas veces, semella que vivimos na Idade de Pedra, ante iniciativas políticas tan absurdas.

Semella ademais que se está deostando gravemente a capacidade dos docentes e do ensino público. Os mestres pasan moitas horas elaborando precisos calendarios de actividades escolares, sen ningún tipo de ideoloxía política. Polo menos, eu nunca me sentín adoutrinada en ningunha actividade similar e creo que conto co suficiente uso de razón para sabelo.

Xa coñecemos dúas cousas, os promotores destas ideas consideran que os nenos non son o suficientemente intelixentes e que os mestres non teñen a capacidade para organizar actividades complementarias. Todo nunha época tan atrasada onde un autobús hai pouco percorría cidades violentando a liberdade de xénero dos cativos.

Eu, se puidera, volvería ser nena. Simplemente porque os adultos somos demasiado mentireiros, tan pouco verdadeiros e tan censuradores que preferiría volver a esa inocencia perdida que tanto adorei.