«O meu bautismo televisivo foi con María Teresa Campos, alá polo 98»

Jorge Mira fala da súa vida e de Santiago, cidade na que vive e traballa dende 1986


Santiago / la voz

Nome. Jorge Mira Pérez (Baio, Zas, 1968).

Profesión. Físico e divulgador.

Recuncho escollido. O monumento en espiral que hai a carón da facultade e do monte da Condesa, «porque é un dos epicentros da miña vida, que se desenvolve nun radio de 300 metros a partir deste punto».

É un home do Renacemento no século XXI. Catedrático de electromagnetismo, organizador do programa ConCiencia, nadador, xadrecista, divulgador científico ou membro da Real Academia Galega. Todo para un rapaz de Baio ( 1968), que xa apuntaba modos de neno. Aínda que por problemas de saúde aos seis anos case non foi a escola, a Jorge Mira Pérez pasárono de curso porque lía desde os 3. Un ano máis tarde, en segundo de EXB, un día a mestra acompañouno a casa. «Daquela se ían contigo era porque queimaras a escola, pero cando chegamos, a mestra díxolle á miña nai que estaba un pouco asombrada, que tiña capacidades que nunca vira», lembra.

A súa nai, lonxe de perder a calma por ter un fillo tan brillante, díxolle: ‘Pídeme o que queiras, pero será a última vez’. E Jorge, daquela un cativo, pensou que o mellor que lle podía pedir era «que me levase na carreta á horta». Alumno do colexio Labarta Pose, agora este profesor de Física é precisamente portavoz da plataforma que reivindica o Día das Letras Galegas para o escritor galego que leva o nome do centro. Foi bo alumno e gustábanlle todas as materias. Tanto, que recorda con «dor» elixir ciencias, porque deixaba atrás latín e literatura.

Tamén ao chegar á carreira dubidou, sobre todo entre Matemáticas e Física. Optou pola última, e a súa promoción estreou o actual edificio, no 86, cun físico tamén como reitor, Carlos Pajares. «Daquela había uns cantos líderes, empezaba o grupo de Pajares, Gómez Reino en óptica, estaba chegando José Rivas, Paz Andrade...». Era o baby boom dentro e fóra da universidade. Dentro, cos alumnos tirados polo chan nas primeiras clases. Fóra, co Ensanche compostelán fervendo de mozos nas rúas. Mira comezou vivindo nun piso con outros compañeiros de Baio. Saía os xoves en Santiago e os domingos alá, «marchaba os venres e viña os luns no transporte Finisterre».

Profesores que marcan

Da carreira recorda como un dos mellores profesores a Carlos Hervés, de análise matemática, e tamén a distancia que tiñan os alumnos sobre o seu futuro. Tamén lembra a Senén Barro, non moito maior que el, e que xa o quixo fichar en cuarto de carreira, «pediulle a un compañeiro que me preguntase se quería facer a tese con el, flipei, pero como aínda non o tiña moi claro e me empezaba a gustar o electromagnetismo díxenlle que non, deume moita pena». Ao final foi José Rivas quen lle dirixiu a tese, tras a que se converteu en profesor axudante no 97, titular no 2002 e catedrático no 2011.

Cando estaba facendo un posdoutorado en Roma tivo que volver para facer a prestación social substitutoria do servizo militar. «A mili foi un problema para moita xente», lembra, porque obrigaba aos homes a romper a carreira investigadora.

Daquela xa era Mira un bo deportista, pese a que de neno «sempre era o máis feble da clase». Un verán, cando empezou a botar corpo, atopouse co programa de Eva Nasarre na televisión, «e así empezou a miña carreira deportiva, facendo aeróbic con Eva Nasarre», conta. Logo virían as carreiras, o taekuondo, a esgrima, a natación e ata os bailes de salón, «a iso apuntoume miña nai, tería medo que quedase solteiro», di.

A divulgación científica é outro dos seus grandes logros. Programas na televisión e radio públicas e numerosas colaboracións nos medios de comunicación. Os comezos, ademais, foron por todo o alto, «o meu bautismo televisivo foi en Telecinco no programa de María Teresa Campos, alá polo ano 98, e foi pola investigación que fixen sobre a temperatura do inferno», conta este investigador que, di, traballa unhas trece horas ao día.

«Así empezou a miña carreira deportiva, facendo aeróbic con Eva Nasarre na tele»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

«O meu bautismo televisivo foi con María Teresa Campos, alá polo 98»