«O que facemos é arte. Nós non o dicimos así, porque parece unha cousa moi a maiores, pero é»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Tonio Corral é oleiro en Buño

09 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tonio Corral é oleiro en Buño. É o que ensina o traballo no torno aos visitantes no Forno do Forte. Agora, seis das súas pezas exclusivas van servir para que artistas doutras disciplinas cavilen sobre os obxectos que son, aparentemente, inútiles. A mostra itinerante, que arrancará o sábado en Valdoviño, leva o título de «Pensar sobre as cousas».

-Que pezas achegou?

-Son seis ánforas, pezas únicas que fixen para as exposicións no Forno do Forte, nas mostras da olería dos últimos cinco anos. Son todas diferentes. Unha está inspirada no traballo de cerámica de Picasso, un par delas teñen unha técnica que se utiliza no Xapón... Son cousas que se me ocorreron.

-A idea da exposición é pensar sobre o feito artístico, aínda que vostedes son considerados artesáns.

-O que facemos é arte. Nós non o dicimos así, porque parece unha cousa moi a maiores, pero é. Son cousas que saen da túa cabeza. Nós dicimos que somos oleiros é punto. Valorámonos pouco.

-Que pensa da inutilidade das obras artísticas vostede que fai tamén artesanía útil?

-Tamén serve para decorar, por exemplo unha casa. Nunha peza ti plasmas a túa imaxinación, tela que pensar, darlle voltas na túa cabeza. O tradicional, que é tamén o útil, está moi ben e é a base. Partes de aí e tes un mundo infinito por diante. Todo o que sexa ir cara adiante paréceme ben. O que non podemos é quedar estancados.

-Como foi o Nadal no Forno do Forte?

-Tranquilo, non é a época de máis xente, porque non hai excursións escolares. Nas instalacións hai moito frío para que veñan os cativos e tampouco hai visitas de persoas maiores, son días de estar na casa. Viñeron algúns visitantes soltos. Para nós o tempo de máis traballo empeza en maio. Este ano foi moi ben, porque tódalas semanas houbo de dúas a tres excursións. Ademais estes días renovouse o convenio coa Deputación para o mantemento da instalación no 2020. Nesta ocasión foron 70.000 euros.