Trinta e cinco anos dun grupo que aspira a ser parte da historia de Baio

Ricardo Vigueret Gil

CARBALLO

«¡Xoo... ante o perigo!»
«¡Xoo... ante o perigo!» XESUS BUA

Badius, XXXV ANIVERSARIO | «A peregrinaxe», estreada onte en Baio, é a última produción dunha entidade que alzou máis de 20 obras nos seus sete lustros de andadura

29 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte á noite foi a estrea dunha nova obra de Badius. Foi un día especial xa non só pola estrea, senón porque nunha noite así nacía o noso grupo hai 35 anos. Si, aínda que xa nos custe un pouco crelo, nacemos nunha noite dun 28 de decembro no Cine Pomares, xa desaparecido hai anos. E aquí quería facer un inciso para reclamar unha idea do amigo Cheíto (Xosé Mª Lema), que sempre di que no edificio que hoxe ocupa o antigo solar do cine, debía haber unha placa conmemorativa que lembrase que aí houbo un cine, teatro, salón de baile... que entretivo durante moitos anos a moita xente de Baio e arredores. Hoxe, que para ver unha película, hai que ir a Carballo ou ao «Marineda», iso acontecía alí todos os xoves, fins de semana e os martes do feirón. Dende aquí reclamamos esa placa.

«Facer o sueco»
«Facer o sueco» JOSE MANUEL CASAL

Pois ben, un 28 de decembro de 1984, un grupo de mozas e mozos de Baio decidimos continuar cunha tradición teatral existente xa na vila dende os tempos do crego D. Juan Astray e as representación teatrais pola festa da María Goretti. Ou os máis recentes para nós, festivais teatrais organizados por Pepe de Valiña nos anos 70. E así, cunhas cantas obriñas cedidas precisamente por Pepe de Valiña (e dende aquí tamén o noso recoñecemento a alguén coma el, que tanto fixo polo asociacionismo no pobo) alí estaban, entre outros, varios dos irmáns Villar, Lolo de Muíño, Braulio de Maroño... E tamén elas: Lourdes de Maroño, Ana de Pardo, Mila Fuentes... Todos e todas iniciando unha andaina que aínda hoxe continúa.

«Veleno por caridade»
«Veleno por caridade»

Ata a xubilación

Trinta e cinco anos son moitos, pero deron para preparar bastantes obras, para facer moitas actuacións por toda a xeografía galega (e ata de Suíza), para coñecer a moita xente deste mundiño, e todo iso deunos forzas para aguantar tanto tempo e para seguir aínda aquí.

«Frankenstein»
«Frankenstein» Ana Garcia

Outros 35 anos? Tanto non sei, pero se non é así... que nos quiten o actuado! Aínda que a este paso, creo que se o día de mañá coincidimos varios no xeriátrico de Vimianzo, alí nos encontraredes no grupo de teatro dos xubilados. De momento aquí estamos, resistindo, despois de pasar por uns comezos moi duros, case sen medios, logo a consolidación do grupo cos seus grandes momentos de premios, xiras... Ata ultimamente, sobrevivindo á crise e ás dificultades para xuntarnos, ensaiar... Pero aquí estamos e aquí seguimos os de Badius, co noso grupo, levando tamén as escolas teatrais do Concello, tanto de infantís como de adultos e o grupo de teatro do instituto, e todo por manter viva esa tradición teatral da que falabamos. Por continuar cun labor que nos enche moito aos que o facemos e agardamos tamén que vos encha un pouquechiño aos que tedes a amabilidade de vir vernos e pasar un anaco entretido connosco.

«Bancagare: Sucursal nº 13»
«Bancagare: Sucursal nº 13» ANA GARCIA

E se hoxe xa non se concibe Baio sen o Club Deportivo Baio, sen a Asociación de Veciños Tabeirón, sen a Asociación Cultural Adro (a asociación irmá que fundamos e da que provimos), todas elas asociacións de referencia na comarca, nós aspiramos tamén a que o noso destino se considere indefectiblemente unido a Baio. Que o Grupo de Teatro Badius sexa lembrado como aqueles teatreiros que dedicaron unha boa parte do seu tempo de lecer a facer rir a todos aqueles que se molestaban en ir velos.

«Tócama, Sam»
«Tócama, Sam» JOSE MANUEL CASAL

Conformámonos con ese aplauso final, con que saiades cun sorriso nos beizos e con que nos sigades apoiando; xa non só a Badius, senón tamén ao teatro afeccionado, que sempre estivo aí, sobrevivindo enriba dos escenarios, buscando a vosa complicidade a base de crear situacións que vos movan á risa, ou ao choro, que esperten en vos emocións ou que vos fagan críticos co que pasa ao voso arredor. Dende logo o que sempre pretendemos é espertar sensacións, todas tan reais como a vida mesma, porque ao fin e ao cabo, o teatro é pura vida e a vida... é puro teatro. Moitas grazas!

«Unha de romanos»
«Unha de romanos» ANA GARCIA

«A peregrinaxe», a última produción da agrupación baiesa

«Por orde de Deus, un humilde pastor ten que partir para a terra de Godah. Emprende entón unha longa peregrinaxe na que vai enfrontarse a banqueiros e gladiadores, coñecerá ao César e a Cleopatra, discutirá con inflexibles gardas e con temibles nerios, para acabar na última cea de Xesús». Esta é a sinopse da última produción de Badius, presentada onte no auditorio baiés con Pablo Soto (Pibe), Moncho Lema, Lourdes Vidal, Gloria Regaldie, Alberto Villar, José de Betty, Marco Álvarez e Juan Caamaño no reparto, e coas voces en off de Ricardo Vigueret, como Deus, e de Xurxo Sánchez, como o narrador da historia.

Badius 1984-2019

1. Pezas curtas populares

2. «Un xuíz de divorcios» (Popular)

3. «A tía Lambida» (Blanco Amor)

4. «O menciñeiro á forza» (Molière)

5. «O Pauto» (Xesús Pisón)

6. «Na corredoira» (Lameiro)

7. «O enfermo de neura» (Molière)

8. «Taberna sen dono» (Varela Buxán)

9. «O Calzurras» (Carlos Arniches)

10. «O avarento» (Molière)

11. «O tío Miseria» (Labarta Pose)

12. «Cargar co morto» (Alfonso Paso)

13. «Eu non fun» (Alfonso Paso)

14. «¡Xoo.. ante o perigo» (Adaptación do filme «Solo ante el peligro»).

15. «Unha de romanos» (Núñez Singala)

16. «Tócama, Sam» (Filme «Casablanca»)

17. «Veleno por caridade» (Adaptación da película «Arsénico por compasión»)

18. «Bancagare: sucursal nº. 13» (Adaptación do filme «Atraco a las 3»)

19. «Festival do humor» (escenas cómicas)

20. «Facer o sueco» (Luís Coquard)

21. «Unha boa misa» (Labarta Pose)

22. «Frankenstein» (Adaptación do filme «El jovencito Frankenstein»)

23. «A peregrinaxe» (Adaptación)