A Acción Social da Deputación ampara aos máis desfavorecidos da provincia

S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

CARBALLO

cedida

Máis da metade do orzamento desta área destínase á contratación de 280 asistentes ao servizo dos concellos

21 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Atender as necesidades sociais dos concellos pequenos da provincia é un reto complexo e apaixonante ao tempo. Na Deputación descansa boa parte desta responsabilidade, concretamente a través da Área de Servizos Sociais, que ten na súa man unha das principais máximas do goberno que dirixe Valentín González Formoso: axudar aos máis débiles.

Por iso é sinxelo entender que o ente provincial case dobrara a cantidade destinada ás contratacións de profesionais como asistentes sociais, persoal técnico ou de axuda no fogar. Foi no anterior mandato cando a partida pasou de catro a sete millóns de euros, o que permite contratar a 280 persoas que reforzan o labor dos concellos. «Axudamos aos 82 municipios de menos de 20.000 habitantes, pero queremos ir a máis. No anterior mandato comezamos a elaborar un diagnóstico de como estamos na provincia neste eido», sinala a deputada Ana Lamas, responsable de Acción Social da Deputación. «Moitos municipios pequenos non teñen capacidade de dispor destes profesionais», engade.

A Deputación tamén se sae do rego institucional á hora de axudar aos máis desfavorecidos. Por iso hai unha atención especial coas entidades sociais da provincia que axudan aos colectivos máis sensibles como os que atenden a enfermos de párkinson, loitan contra a ludopatía, ou entidades que atenden á persoas con diversidade funcional. A partida total neste eido ascende a 700.000 euros para o vindeiro ano. Un dos recursos máis demandados por parte destas entidades son medios de transporte como as furgonetas, un parque de vehículos que a Deputación axudou a medrar dende hai moitos anos. «Para as asociacións, ademais de programas concretos contamos con varias liñas de axuda onde as Administracións non chegan», sinala Ana Lamas. Tamén hai unha partida similar -case 800.000 euros- para desenvolver políticas de igualdade de xénero.

Colexios

Dende que chegou á presidencia da Deputación, Valentín González Formoso ven reclamando á Xunta o que considera unha reposición do sentido común institucional. Porque o ente provincial leva anos facéndose cargo dalgúns colexios, un servizo máis propio do paraugas autonómico. Pero mentres ese traspaso non se produce, a Deputación atende con mimo aos rapaces que acollen no centro de menores de Ferrol, onde conviven uns 75 mozos, así como no Fogar Infantil Emilio Romay, con 56 usuarios. «Están a facer un traballo incrible nestes centros, incluso me atrevo a dicir que se converteron en institucións de referencia na atención a menores, rapaces que non están a vivir unha situación precisamente sinxela», explica a deputada titular de Acción Social, Ana Lamas.