A Galicia profunda

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

16 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A cultura mortuoria galega daría para un feixe de estudos antropolóxicos, máis aínda se se analizase a súa evolución a través dos lustros. Como di Manuel Rivas en Un millón de vacas, os enterros son auténticas procesións enloitadas, de corvos negros. Tradicións de longas estirpes. Días de recollemento, recordando vellos tempos e saudando amizades que, por desgraza, unicamente se ven en eventos así.

Todo o proceso é un rito en si, longo, triste, derradeiro. Ese silencio e solemnidade que se dá nun enterro conforma a última despedida á vida terreal. Na aldea os féretros móstranse abertos, na cidade fechados a cal e a canto. Noutrora, os corpos velábanse nas casas, cando a luz eléctrica era unha quimera e as candeas iluminaban os rostros compunxidos de viúvas e choronas. Agora, hai cemiterios tan coloridos e enxebres como o de Dumbría, pero nos Baos había unicamente un camposanto humilde, de enterramentos na terra. Era un solo tan húmido que había enterros nos que o féretro daba a volta por mor da auga. Que tristeza pasar eses traballos mentres un sente a dó do pasamento dun ser querido.

Eran outros tempos, abofé. Por iso, os tanatorios supuxeron toda unha revolución no eido dos pasamentos na aldea. O outro día, debatía con alguén sobre os féretros abertos ou pechados. Falábame que eran costumes retrógradas da Galicia profunda. Aínda sendo eu partícipe dos cadaleitos pechados, teño que dicir que refuso da connotación. Non hai unha Galicia profunda. Galicia é intrinsecamente profunda en diversidade, cultura e patrimonio intanxible. Por iso e máis, odio cando se fala nos medios desa Galicia illada, analfabeta, dese termo pexorativo a máis non poder. Necesítase unha ollada interesada e sen prexuízos para ver a idiosincrasia dos pobos.