Xurxo Mariño: «Non puidemos aterrar en África porque había antílopes na pista»

Fran Rodríguez / M. López

CARBALLO

Ana Garcia

O profesor e divulgador científico presentará mañá en Cee as conclusións e fotografías que tomou nunha viaxe de once meses arredor do planeta

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«En dúas ocasións tivemos que abortar a aterraxe na sabana africana porque había antílopes na pista». Esta é só unha das anécdotas que o profesor e divulgador científico Xurxo Mariño contou en Radio Voz Bergantiños tras viaxar durante 11 meses arredor do mundo.

Mariño pechará mañá (20.30) as actividades do Mes da Fundación Fernando Blanco falando, precisamente, desta magna viaxe, apoiándose nas fotografías que tomou. Estima que unhas 15.000 -aínda non rematou de procesalas por completo- e, aínda que algunhas son «de recheo», cre que en «varios miles» hai información valiosa.

«O planeta é moi diverso, afortunadamente, e dende tódolos puntos de vista», di Mariño, que quedou marabillado das diferentes culturas, pobos e linguas coas que se topou. Entre as cousas que máis lle sorprenderon está sen dúbida a lingua empregada no deserto do Kalahari. «No galego chégannos 28 fonemas, pero esta lingua ten máis de cen. É posible que sexa o pobo que máis sons teña», conta o divulgador, que mesmo se atreveu a reproducir algunha palabra en directo.

Pese ás diferenzas sociais que poida haber, en ningún momento se atoparon con rexeitamento ou desconfianzas, explica Mariño. Nin tampouco se enfrontaron a graves problemas ou imprevistos. Ben é certo que foron previsores: «Hai que ter moito coidado, por exemplo, coa malaria. Nós levamos medicamentos por se acaso. Nalgunha ocasión quedounos atascado o coche nas dunas do deserto de Namib, onde é moi difícil conducir», explica.

De todo isto falará Mariño, que se apoiará en ducias de imaxes tomadas durante a súa viaxe, mañá, na Casa da Cultura ceense, ás 20.30.