Diego Vázquez Reino: «Os mellores soldos son os que se pagan no sector da construción»

Presidente da patronal provincial, este carballés foi elixido tamén da galega a finais de setembro


carballo / la voz

Diego Vázquez Reino (Carballo, 1974) cumprirá mañá dous meses como presidente de Federación Galega da Construción. Mantén o cargo (esa é a norma) de presidente da Asociación de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco), e a partir do xoves tamén vai ser o presidente da Fundación Laboral, integrada por sindicatos e patronal. Tamén forma parte do comité executivo da Cámara de Comercio da Coruña, e preside o seu comité de infraestruturas.

-Que implica asumir a presidencia da federación galega?

-Ter unha maior responsabilidade. E tamén que se valore o traballo realizado nestes catro anos na provincial. Ter sido ratificado por todos os membros da asemblea federativa é un orgullo e unha grande satisfacción persoal. Creo que referenda a mensaxe, a voz emitida polo sector, que nestes anos foi tan necesaria á hora de defender unha industria tan importante como é a da construción. Un sector que ten moito que dicir, e que agora recuperou a porcentaxe que lle corresponde no PIB. Así que asumo esta responsabilidade con agradecemento, orgullo, moito traballo e con ganas de cumprir novos retos.

-Que papel xoga a federación galega?

-Un moi relevante. Polo número de empresas e que ten e a súa calidade, polo número de empresas que abrangue, polo seu peso específico na economía. Hai unha masa empresarial de moito releve, e hai que defender os seus intereses, ademais de mellorar as condicións de traballo e de negocio en Galicia.

-E segue en Apecco.

-Si, é así a nivel estatutario. O cambio implica elevar o traballo que se fai a prol dos asociados da provincia ao de Galicia, pero nas cuestións fundamentais, os temas a resolver son os mesmos. A diferenza é que ocupa máis tempo e máis desprazamentos.

-E máis traballo.

-Si. E sería imposible se non estivese respaldado pola familia. Sempre digo que sen os meus dous irmáns, imposible. Eu involúcrome moito en todo, sempre o fixen en interese do colectivo. Meus irmáns, e por suposto a miña familia, son os grandes damnificados, pero tamén os que me dan o soporte necesario.

-Hai preguntas recorrentes, pero inevitables, porque o tempo pasa: como está agora o sector?

-Neste ano houbo unha importante licitación pública, e iso marca moito a capacidade de carga de traballo de Galicia. Hai aspectos que empuxaron esa carga, como a elevada actividade industrial ou o canon das renovables, que dá un traballo inxente, con moitas empresas implicadas por toda España. Moitas obras, e con moitas empresas galegas. Os dous polos económicos de Galicia están xerando moita demanda industrial e, por tanto, moita actividade. Tamén é certo que mellora a edificación, volve a ter tirón. A rehabilitación mantivo ás empresas nos anos duros, e segue. As licitacións do ano pasado foron das mellores dos últimos anos. Este ano están baixando un 15 % sobre o pasado, e para o 2020 pode que pase o mesmo. Inflúe a situación económica, os presupostos, que vai haber eleccións autonómicas. Os concellos deben volver a tirar, como xa o fixeron no 2018. Sempre teñen a gala o elevado remanente de tesourería, unha promesa de investimento que nunca cumpren.

-¿Hai bos soldos na construción?

-Os mellores soldos son os que se pagan no sector da construción. Son dos dous mellores da economía, en termos de media, segundo os datos do INE. E iso é un dos datos que referenda as bondades que queremos poñer en valor para captar á xente nova.

-¿Non hai?

-O maior problema que temos na nosa industria é a falta de xente. E, sobre todo, de xente moza. É certo que hai que ter determinadas preparacións, pero esa formación está a disposición do que a queira. Hai que coller a capacitación profesional. E buscar consenso para avanzar na FP dual, que prepara para postos máis singulares como capataces ou encargados

-Igual non se percibe o «prestixio», por dicilo dalgún xeito.

-Nós intentamos poñer en valor esta industria tan renovada. Non é o que era. Houbo moita tecnificación, modernización de equipos e de procesos construtivos. Si, son traballos duros, pero nada que ver con hai dez anos, a xa non digamos moitos máis. As novas tecnoloxías están aí, e tamén novos materiais, con moitas melloras enerxéticas, con maior calidade e menor esforzo no seu uso.

«O maior problema que temos na nosa industria é a falta de xente, sobre todo de xente moza»

«A Administración ten que axudar na formación»

Diego Vázquez é o xerente de Vázquez y Reino, que ten xa 76 anos de vida, obras por toda España e 90 traballadores. Sinala que a formación é básica, pero non barata, así que fai falta axuda.

-Un mozo que queira traballar nas obras, onde se forma?

-Na empresa. Pero a Administración ten que axudar na formación dos traballadores. Este é un mundo moi competitivo. Os prezos de mercado obrigan a ter rendementos altos para ser moi estritos na execución de cada obra. E non queda marxe para poder formar a traballadores. Por iso se precisa a formación dual. Dende a Fundación Laboral tamén se traballa niso.

-Que criterio se debe seguir á hora de licitar?

-A lei de contratos moveu sobre todo a defender os criterios de prezo. Na nova lei dise que ten que ser coa mellor relación calidade-prezo. A nosa demanda ás Administracións é que non se teñan en conta criterios economicistas. No convenio que temos no sector ata o 2021, inclúese unha suba salarial de máis do 11 %, cláusulas sociais, aplicación da xornada horaria. Tendo en conta isto, non se entende nin xustifica que entidades públicas liciten só para facer prezo. Aí somos totalmente inflexibles na nosa demanda. Se queremos unha industria sostible, que se manteña no tempo, igual que o emprego, iso pasa ineludiblemente por controlar as baixas, e o Tribunal de Contratos ratifica isto.

-Como carballés, que implica facer obras en Carballo? Tiveron, e teñen.

-A nosa empresa leva toda a vida traballando en Carballo. E nós, que facemos obras públicas ou privadas para calquera cliente da mellor maneira que sabemos e podemos, cando as fas no teu pobo, onte medran os fillos, onde convives, pois con maior responsabilidade incluso. O cliente final é o amigo, o veciño, e queres facelo o mellor posible. Nós temos se sentimos o respaldo maioritario dos cidadáns, a satisfacción de que nos reclaman nas parroquias como empresa, e así nolo fan chegar os políticos locais. E ademais, a plantilla, maioritariamente, é de Carballo. Así que traballar aquí tamén é reverter aquí en empregos, en vínculos coas asociacións deportivas e culturais. Estamos moi involucrados con Carballo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Tags
Comentarios

Diego Vázquez Reino: «Os mellores soldos son os que se pagan no sector da construción»